fbpx
Recreación da Santa Compaña / elconfidencial.com

A Vella galega, as ánimas e o Alén

Tempo de lectura: 5 min.

Nas últimas entradas estivemos a comparar á nosa Vella con outras deusas anciás existentes en diferentes mitoloxías arredor do mundo, e atopamos un patrón que se repite en case todas elas: a vinculación entre estas e o Alén. Compre entón agora comprobar se a Vella da mitoloxía galega tamén comparte este nexo, así como afondar nas funcións destas deusas en relación co máis alá.

Falabamos de que Frau Holle –idéntica figura á Vella no ámbito da mitoloxía xermánica– lideraba unha procesión de ánimas en pena, de adultos ou de nenos mortos sen bautizar segundo a zona do país na que se conte. Esta idea levounos a pensar que, se en tódolos demais puntos coincidían, ben podía tamén a Vella gardar relación coa Santa Compaña. Neste senso, cabe destacar que nalgunhas zonas de Galicia se identifica esta aparición cunha comitiva de meigas, noutras refírese a unha muller, de identidade descoñecida, presidíndoa ou ben como única personaxe deste agoiro, chamándoselle Estadea. Tamén os nosos veciños zamoranos ven á Estadea como unha muller sen rostro que anuncia a morte. Un dato importante é que a morte era vista coma un ser feminino polos romanos, sendo Morta –unha das tres Parcas, de aí que tamén se lle chame Parca á morte– unha deidade fiandeira que cortaba coas súas tesoiras o fío da vida. Do mesmo xeito, non resulta difícil situar á Vella galega nun contexto funerario se temos en conta que, por todo o país e máis alá, tense por responsable da construción das mámoas, lugares ancestrais de enterramento.

A Lavandeira do vao (Arthur Rackham)

A lavandeira do vao de Irlanda

Existe unha figura mítica en Irlanda, representada por unha anciá, á que se coñece como a lavandeira do vao. Nalgúns lugares identifícase coa Cailleach, unha muller maior que transporta pedras no seu mandil coas que constrúe a paisaxe, igual que a nosa Vella. A aparición da lavandeira do vao anuncia a morte ós guerreiros, ó presentarse ante eles lavando as súas roupas ensanguentadas no río: ó recoñecer a propia vestimenta, os combatentes saben que o seu fin está próximo. A similitude coa Lavandeira dos mitos galegos é innegable: as lendas falan dunha muller, a miúdo anciá, que aparece pola noite lavando unha saba ou outra prenda ensanguentada, pedindo axuda ó camiñante para retorcela, tendo este que facelo no senso contrario ó da lavandeira se non quere que a desgraza, ou incluso a morte, caia sobre el.

Cóntase por León unha historia sobre un criado que descobre, nunha habitación onde o seu amo lle prohibiu mirar, un patio cheo de árbores froiteiras. Alí, unha muller moi vella recolle figos: dos maduros apáñaos todos e do resto colle un e deixa outro. O amo explícalle que é a Morte, representando os figos maduros ás persoas anciás –que por forza han morrer– e os outros á xente nova, que pode vivir ou non. Curiosamente, a figueira está emparentada co sicómoro, árbore que os exipcios crían que se atopaba no límite do mundo dos vivos e dos mortos. Esta árbore era unha encarnación da deusa Hathor, que ofrecía pan e auga ás ánimas que pasaban e suxeitaba a escada pola que estas subían ó ceo.

Tanto a visión da Santa Compaña como a da lavandeira son agoiros de morte, avisos de que o pasamento está por acontecer, o cal nos falaría do papel profético e anunciador da Vella. Non obstante, a cousa parece ir máis alá, xa que tanto no mito das Parcas fiandeiras coma no conto leonés preséntasenos como Dama da Morte, é dicir, decidindo quen vive e quen morre.

“A Estadea”, 2003. Laura Comesaña. Tercer premio (Categoria A), no Salón do cómic de Cangas, do 2009 (13ª edición)

A Vella e a morte

De estar no certo, a Vella sería a última responsable dese transo, esa personaxe que hoxe representamos como un esqueleto con túnica negra e gadaña e coa que, ás veces, se pode negociar. E si a Vella é a propia Morte, quen mellor que ela para anunciala, permitindo así que tanto o defunto próximo coma os seus familiares poidan estar preparados para o transo. Isto daría un novo sentido ós centos de agoiros de morte que existen na nosa cultura: dalgún xeito, seguimos a pensar que a Vella nos ha avisar antes de que chegue o momento, polo que ficamos atentos ós seus sinais.

Pero pode que a Vella non só tivese o papel de administrala morte, senón tamén o de decidir o futuro da ánima e, incluso, de devolverlle a vida. Xa dixemos que Baba Yaga –a Vella dos contos rusos– custodia as Augas da Vida e da Morte: aínda que un home quedara partido en mil anacos, se recibía as Augas da Morte o seu corpo volvería a ensamblarse e, se despois se bendicía coas Augas da Vida, renacería. A Baba Yaga podía concedelas augas se o falecido era puro de corazón ou espelido dabondo para enganala.

Neste mesmo senso, de valorar que destino merecen os falecidos, temos na mitoloxía xaponesa a Datsue-ba. Tras cruzar o río do Alén, os defuntos atópanse con esta muller anciá que lles manda quitala roupa e pendurala na pola dunha árbore que alí se atopa: o seu peso determinará tamén o dos seus pecados.

Meng Po / https://hannahmtalk.wordpress.com/2017/04/12/meng-po-soup-ill-pass/

Meng Po

Relacionada coa reencarnación temos tamén a Meng Po (vella señora Meng). Trátase unha divindade chinesa que habita no Inframundo, encargada de que as ánimas a piques de encarnarse non recorden nin o seu paso polo inferno nin as súas vidas pasadas. Para isto, recolecta herbas coas que prepara o Té dos cinco sabores do esquecemento, que algúns non beben enteiro e recordan fragmentos de vidas pasadas na súa infancia ou a través dos soños.

Como conclusión diremos que esa Vella, que construíu os monumentos funerarios antigos, pode que fose a mesma Morte para os antigos galegos. Unha morte que tiña o detalle de avisarnos de que ía vir por nós, para que puidésemos deixar os nosos asuntos ben arranxados. Unha morte que valoraba os nosos actos para ver se merecíamos unha segunda oportunidade. Unha morte que, quizais, nos facía esquecer para devolvernos outra vez ó ciclo sen fin da vida. Tirado de https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Escrito por

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...