fbpx
Pedrafita da Bighoia (Outeiro-Codeseda) / foto Carlos Solla

Achado un menhir antropomorfo na Estrada

Tempo de lectura: 2 min.

O domingo 10 de xuño foi requirida a presenza dos exploradores de Capitán Gosende no lugar do Outeiro, parroquia de Codeseda (A Estrada), para dar testemuño do achado dun menhir. A suposta pedrafita está chantada nunha leira denominada A Bighoia (ou Vighoia), parcela adscrita ao dito lugar e estremeira coa estrada EP-7001. A pedra fincada é, grosso modo, un ortoedro de granito (gran fino) no que non se advirten marcas de corte, é dicir, non apreciamos as características “dentadas” que, nos labores extractivos, deixan cuñas e guillos.

A rentes do chan, a entosta acada os 120 cm de alto. A 95 cm da base, o chantón presenta unha entalladura, a xeito de pescozo, que lle confire unha fasquía antropomorfa. Tomando como referencia a anatomía humana, a cabeza da figura posúe unhas dimensións de 25 cm de alto, 20 cm de perfil e 12 cm de fronte. Por debaixo da fenda do pescozo, o resto do corpo visíbel ten as seguintes dimensións: 95 cm de alto, 25 cm de costado e 15 cm de peito/costas. Crese que a sección oculta afúndese na terra 1 metro, polo que a altura total da anta atinxiría os 220 cm, aproximadamente.

A feitura da pedra lémbranos un poste tensor dun cercado de arame, mais, espalladas polas súas catros caras, contáronse unhas 37 coviñas. Dúas destas concavidades localízanse na “cabeza”, unha a cada lado e no mesmo eixe, reforzando o efecto antropomorfizador. Algunhas das coviñas están unidas por unha canle (cecais, por mor da erosión), asociando estes elementos de dous en dous ou de tres en tres. Amais das coviñas, aprécianse outros riscos, algúns curvilíneos.

Na súa localización actual, o seu feitío antropoide acentúase se observamos o vargo na dirección norte-sur. O “nariz” oriéntase cara ao sudoeste. Dende esta perspectiva, un risco que, a medio talle, suca horizontalmente a cara posterior (“lombo”), ofreceríanos con rudeza a visión dunha crecha cabeleira. Con todas as reservas, queda, pois, presentada en sociedade, a pedrafita da Bighoia/Vighoia (O Outeiro-Codeseda).

Pedrafita da Bighoia (Outeiro-Codeseda) / foto Carlos Solla

 

Calros Solla

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...