fbpx
Un un bosque / foto CouleurCC0

Así é o lugar de ocupación humana máis antiga de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Foi no ano 2005, con motivo dunhas obras de extracción de terras que quedou á vista unha sección de depósitos xeolóxicos en Porto Maior, no concello de As Neves. Foi daquela cando uns traballos preventivos deron co achado dun importante xacemento arqueolóxico, un dos máis importantes no noso contexto, tanto polas súas dimensións como pola antigüidade do atopado como polo singular tamaño das pezas. Un lugar con útiles de diversas épocas do Paleolítico, como ferramentas líticas de grandes dimensións.

Daquela catalogouse o xacemento e nos anos 2012 e 2014 retomáronse os traballos polo mesmo equipo de investigación que hoxe se ocupa de eles. Os traballos puxeron de manifesto a existencia de múltiples niveis de ocupación, todos eles de tecnoloxía achelense ou do Paleolítico Antigo. De entre estes niveis de ocupación destaca o nivel PM-4 no que se identificou unha espectacular acumulación de ferramentas de pedra, no que foi o primeiro caso coñecido en todo o continente europeo. Este tipo de achados que é habitual en certos xacementos do Paleolítico Antigo africano ou do Próximo Oriente non ó é nesta parte do globo.

Xacemento de Porto Maior en As Neves / foto CINIEH

Nel as ferramentas destacan polas súas extraordinarias dimensións, onde achegan medidas superiores aos 18 cm de ata 27 cm e 2 kg de peso, cando o normal é que non superen os 15 cm. Isto os converte nos de maiores dimensións coñecidos en todo o continente Europeo e uns dos máis grandes atopados a escala mundial. Mais tamén é un dos máis antigos, pois a datación indica que a súa ocupación do xacemento desenvolveuse entre os 300.000 e os 200.000 anos de antigüidadeIsto fai de Porto  Maior o xacemento con restos de actividade humana máis antigo coñecido en toda Galicia. Non se coñece a día de hoxe xacemento de cronoloxía semellante en ningún outro punto de Galicia e confírmase de maneira incuestionable a presenza humana na rexión en cronoloxías especialmente antigas.

Un proxecto transfronteirizo

O día 11 de xuño e até final de mes levarase adiante unha nova campaña de escavación no xacemento. As escavacións, que se enmarcan dentro do proxecto internacional Minho/Miño: Os primeiros poboadores do río Miño, contan co patrocinio e a colaboración do Concello e da Comunidade de Montes en Man Común de As Neves. No proxecto transfronteirizo colaboran investigadores de diferentes centros nacionais e internacionais, como as universidades de Lisboa, Porto, Minho e Adelaide de Australia,  o Australian  Research Centre  for  Human  Evolution (ARCHE) e o Cento Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH).

Xacemento de Porto Maior en As Neves / foto CINIEH

As investigacións desta campaña teñen por obxectivo coñecer mellor as particularidades deste excepcional xacemento, e afondar na distribución dos niveis de ocupación humana identificados no lugar. Tamén se ampliará substancialmente a superficie escavada do xacemento coa escavación dunha nova parcela, e tentarase explicar a natureza do achado tratando de entender o seu funcionamento así como o das sociedades que deron lugar a esta singular acumulación de ferramentas.

Pode que che interese...