fbpx
Un manuscrito / foto wilheyCC0

Cando en Galicia o apelido da nai podía ser tan ou máis importante que o do pai

Tempo de lectura: 2 min.

Un contrato de voda de 1715 referente ó concello de Mazaricos revélao. Houbo un tempo en que o apelido do pai non tiña por que ser predominante sobre o da nai. Pois no documento, e non é o único nesta época, cítase a Patricia Sendón como Filla de Alberto Otero, algo que ós oídos da sociedade deste século, a pesares dos avances, soa aínda cando menos curioso. E é que neste documento traído á luz polo investigador do Concello Suso Jurjo e publicado no xornal Que pasa na costa, como en moitos outros da época, non sempre son coincidentes o primeiro apelido do pai co dos seus fillos ou fillas.

Jurjo nolo explica. “Non había unha regulamentación estrita para a escolla de apelido. Moitas mulleres preferían levar o apelido da nai, dándose numerosos casos nos que dous irmáns podían ter apelidos diferentes“, pois ata o propio século XIX non había ningunha regra ó respecto e o feito da escolla dun ou doutro, e dependía por tanto dos intereses de cada quen. “O feito de que teñan apelidos diferentes non é por ningunha cousa rara”. Esta situación, dinos Jurjo, ademais “prolongouse ata o ano 1870, no que o noso paisano Eugenio Montero Ríos sendo ministro de “Gracia y Justicia”, levou adiante a Lei do Rexistro Civil que, ademais de impor as normas de uso que todos coñecemos, creou os rexistros municipais para velar polo seu cumprimento”.

É así como, no último terzo do século XIX e cunha lexislación determinada dende a capital do Estado, a regulamentación da orde dos apelidos e a preeminencia do masculino sobre o feminino deu lugar a ó estado de discriminación no que vivimos hoxe en día. No contrato pódese ver ademais determinados roles característicos de homes e mulleres das capas altas labregas, así como algúns dos aspectos máis interesantes da vida destas sociedades populares exactamente tres séculos atrás. Os contratos de voda, do mesmo xeito que outros como os testamentos, son documentos que nos permiten entender moi ben, a través do tipo de bens que se inventarian e do seu emprego e transmisións, o xeito de vida das sociedades do pasado.

Pode que che interese...