fbpx
Arde Lucus /, wajariCC0

Catro conferencias darán a entrada ó Arde Lvcvs MMXVIII

Tempo de lectura: 3 min.

Os vindeiros días 15, 16 e 17 Lugo volverá a retroceder no tempo para mirar cara o seu pasado máis relevante co Arde Lvcvs. Mais nos últimos tres meses a cidade e o seu Concello xa deron conta, a través de máis de medio cento de actividades, da celebración desta festa histórica. Foi no chamado Arde Lvcvs Cvltvral, un conxunto de eventos de diferente carácter que tiveron como liña común a reflexión sobre o papel do antigo Lucus Augusti. Entre os actos deste Arde Lvcvs Cvltvral fixéronse conferencias como a celebrada a pasada semana de Roberto Bartolomé sobre o xacemento da Piringalla ou o encontros como o de Banda Deseñada Histórica de Galicia organizada por HdG.

Lexionario romano / youtube

Mais, no marco destes actos, catro conferencias sobre a cultura romana e castrexa serán as encargadas de abrir este ano o Arde Lvcvs MMXVIII. O ciclo de charlas arrincará este venres día 8 e continuará ó longo da semana vindeira os días 11, 12 e 13, luns, martes e mércores. Todas elas terán lugar ás 20:00 horas no Vello Cárcere e contarán con entrada libre ata completar cabida. Nelas participarán o historiador Carlos Fernández Rodríguez e os arqueólogos Xurxo Ayán, Rafael María Rodríguez MartínezCovadonga Carreño.

O ciclo tocará temas de especial relevancia para entender o Lugo romano. O doutor en Xeografía e Historia Carlos Fernández Rodríguez, arrincará este venres día 8 as charlas tratando o tema da gandería, caza e animais de compañía na Galicia Romana. O luns, 11 de xuño, o arqueólogo Xurxo Ayán contará as memorias dun esquelete: etnoarqueoloxía no campo santo medieval do Castro de San Lourenzao en Cereixa, na Pobra do Brollón. Pola súa banda o martes 12 Rafael María Rodríguez Martínez, falará sobre o xacemento da Lanzada, en Sanxenxo, e o mércores 13 o ciclo pecharase coa ex arqueóloga municipal, Covadonga Carreño, cunha disertación sobre a primeira praza pública de Lugo: O Foro Romano.

A concelleira Carmen Basadre cos catro poñentes e Miguel Alvelo / Concello de Lugo

O ciclo de conferencias que estará organizado polo Concello coa colaboración da asociación de recreación histórica Cohors III Lucensium, foi presentado este pasado luns día 4 no patio do Cárcere Vello. A presentación correu a cargo da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre nun acto no que tamén estivo presente o arqueólogo municipal, Enrique González, así como o presidente da asociación, Miguel Alvelo. No acto, Alvelo agradeceu ao Concello a colaboración que presta a entidade local, cedendo para este ciclo o espazo do Cárcere. Tamén, como non podía ser doutro xeito, felicitou ó Concello polo traballo que levan facendo estes anos coa festa.

Tropas romanas no Arde Lucus / ardelucus.com

Pode que che interese...