fbpx
Lugar onde estaba o camiño do século XVI hoxe baixo o cemento / foto Juan Massa Monelos facebook.es

Cemento e non grava era a intención real para facer desaparecer o camiño do século XVI de Monterrei

Tempo de lectura: 2 min.

O 20 de maio a vila de Verín saía a rúa ó pé da fortaleza de Monterrei convocada pola Plataforma en Defensa do Castelo para manifestarse en contra das obras do Parador de Turismo que a Xunta está a construír no monumento. O motivo, un máis,  unha estrada medieval do século XVI desaparecería soterrada para deixar paso ó tráfico rodado do futuro Parador. A obra, presuntamente “temporal” segundo o goberno galego, estaría constituída por terra e grava, e contaría cun orzamento de 214.000 euros, unha cantidade máis que considerable para unha obra que algún día debería ser restituída ó seu estado actual.

Mais algo non lles pegaba ós veciños e a Plataforma, xa que a citada cantidade semellaba algo desmesurada para a obra que dende o goberno galego se afirmaba que se faría. E é que máis dun mes despois comezamos a coñecer a verdade do proxecto: unha ampla capa de formigón. Pois esta é a realidade que poden ver os veciños que se acheguen a día de hoxe ó monumento. Así o publicaron nas súas redes sociais a Plataforma, a través de fotos nas que se pode ver como polo menos nun tramo o antigo camiño desapareceu para deixar paso a rexistros de auga e a unha grosa de cemento Porland.

“Poderán cementar as vías medievais… poderán poñer unha pensión no castelo… poderán negar a evidencia …e ir en contra de toda lóxica …pero nunca nos poderán quitar as ganas de recuperar o que por dereito e do e para o pobo. Eu non quero hotel no castelo, onde estás patrimonioo“. Así expresaban a súa indignación dende a páxina da Plataforma pola terrible desfeita. Unha vez máis moitos dos veciños cualificaban de “pena”, “rabia” ou “ignorancia” o que está a acontecer nun dos castelos ata fai pouco mellor conservados de Galicia.

Calzada do século XVI no Castelo de Monterrei antes e despois da obra / Plataforma

Pode que che interese...