fbpx
Representación de trobadores medievais, un cristiano e o outro mouro.

Descobre a Johan de Cangas, o outro gran xograr da ría de Vigo

Tempo de lectura: 4 min.

Johan de Cangas foi un dos grandes trobadores da lírica galega do século XIV. Xunto con Martín Códax e Meendinho é un dos xograres máis representativos da nosa lírica medieval e xunto a eles dous foille dedicado o Día das Letras Galegas de 1998. Mais tras a gran exposición que, ó outro lado da ría, ó longo do 2018, recoñeceu á figura de Martín Códax, no Concello de Cangas, ó longo das últimas semanas, quixeron achegarnos o que sen dúbida sería o outro gran trobador da ría de Vigo, Johan de Cangas.

Músicos nas cantigas de Alfonso X / DPWikimedia

Pois baixo o título Johan de Cangas e o seu tempo, a Concellaría de Cultura do Concello de Cangas organizou ó longo das últimas semanas un ciclo de conferencias de sobre a figura deste xograr. Este ciclo, que se iniciara en maio, será clausurado mañá venres ás 19:30 horas no salón de plenos do Concello de Cangas.  Nesta derradeira xornada, a investigadora Pilar Lorenzo Gradín, organizadora do ciclo, falará da produción literaria deste xograr das “ribeiras” do Morrazo. Pilar é catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago e membro da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares.

Tres cantigas e un encontro sobre a ribeira do mar

Segundo se ten constancia, Johan de Cangas escribiu tan so tres cantigas de amigo adicadas ó mar e o Morrazo, na modalidade que se coñece como cantigas de romaría ou de santuario. Estas cantigas estarían dedicadas a San Mamede e ambientadas nunha ermida situada no alto dunha montaña, na parroquia de Beluso, en Bueu, sobre as ribeiras do mar. O encontro nesta ermida é fío condutor e o elemento de identidade das tres cantigas, xa que entre elas forman o que se podería considerar un ciclo. Neste santuario perfílase o encontro dos dous namorados.

Pilar Lorenzo / Foto Rede de Estudios Medievais

Para Lorenzo “Resulta curioso o feito que as tres cantigas, lidas no seu conxunto, forman un pequeno ciclo narrativo, algo que non é moi habitual nestes casos”. O material temático distribúese entre as tres, xa que na primeira a rapaza pídelle permiso á súa nai para ver ao seu amigo na ermida. Na segunda, unha vez concedido ela regresa desilusionada porque o amigo non se presenta ao encontro. Na terceira, a moza diríxese ao amigo e dille que accederá a reunirse con el na ermida se lle promete que non lle vai mentir novamente.

Pero, ademais de constituír un ciclo, a investigadora explica que teñen moitas particularidades que as diferencian doutras cantigas de amigo, como certos aspectos de tipo léxico. Por outro lado, “aínda que son cantigas de refrán non son paralelísticas, fronte á maioría das cantigas de santuario e de romaría como as de Martín Códax ou Mendinho”. Ademais, nos seus textos aparece unha marca toponímica propia del: o encontro na ermida de San Mamede como un sinal de identidade das tres.

A paisaxe de Cangas

Aínda que de certo se documentan máis “Cangas” na toponimia da Idade Media, o Morrazo é o único lugar que posúe unha ermida que ten como patrón a San Mamede. A ermida da que falan estas cantigas, na que se produce o encontro dos dous namorados encaixa á perfección con esta zona de Galicia. É por isto que as cantigas de Johan non so nos permiten saber da lírica medieval senón tamén, igual que as de Martín Códax, nos falan do paisaxe galega durante a Idade Media. É por isto que o ciclo de conferencias, máis alá de afondar na figura do trobador tamén entrou en diferentes aspectos da vida na Idade Media

Dende a organización sinalan que coa iniciativa búscase recuperar a figura deste xograr tan vencellado a este territorio e que nos permite saber como era Cangas neste século XIV. Así, ó longo do ciclo discutiuse a faceta literaria de Johan de Cangas mais tamén o momento histórico no que viviu. Abordáronse os monumentos artísticos da época, como era a paisaxe monumental medieval que rodeaba a península do Morrazo, así como o mar como elemento paisaxístico da lírica profana galego-portuguesa. En esencia, como estaba configurada a sociedade galega e, en particular, a sociedade do sur de Galicia. Este venres a doutora pechará ó ciclo co repaso máis profundo ós aspectos literarios do xograr.

Home con Zanfona / fotoLMoonLight

Pode que che interese...