fbpx
Debuxo Don Pepito

Don Pepito Hermida, o señor das Torres de Lestrobe

Tempo de lectura: 4 min.

“Non dou a terra, endexamais, un home semellante” dixo Castelao.

Don José de la Hermida y Pazos de Borbén nace nos anos trinta do século XIX máis ou menos canda Rosalía de Castro da que era curmán. Foi propietario das Torres de Hermida en Lestrobe sendo coñecido como Don Pepito. Foi republicano e librepensador. Coincide nos seus estudios universitarios en Compostela cos máis radicais e inquedos estudantes da súa xeración, entre eles Aurelio Aguirre que asiste ó Banquete de Conxo quedándolle gravado para sempre os seus versos

“Brindo,
aunque al Papa cause risa,
por el primer protestante
que en España diga misa.”

Tras un paso por Madrid onde tivo por amigos ós poetas, pintores, filósofos e ate os banqueiros mais famosos daqueles tempos, desenganado, decepcionado e arruinado volve para Lestrobe antes da revolución de 1868 e edita en Padrón o xornal El Libertador pese ás penalidades económicas, colaborou en El Motín e Las Dominicales del Libre Pensamiento. Publicou os opúsculos Expansión político-libre pensadora (1887),  ¿ Fue el cristianismo el progreso? (1892), Cuba (1892), Sobre el universitario abismo e ¡Leed estudiantes! (1910), utilizando ás veces o pseudónimo Veritas.

Pepito Hermida y Castro, sentado, do libro de José Luis Cabo
Villaverde Memoria_do Sar Crónica gráfica das terras de Padrón 2005

Admirado por Castelao

Castelao no seu testamento político “Sempre en Galiza” fai unha referencia:  “fidalgo, dono do pazo de Lestrove e da pobreza máis limpa de todo Padrón”. Non debemos confundir a Don Pepito como o dono do Palacio Arcebispal: mansión católica, apostólica, romana e estival do ¡arcebispo de Santiago!, pois conta a lenda que foi detido na Catedral de Santiago, armado cunha carabina ca intención de matar ó Apóstolo. A súa casa de Lestrobe sempre estivo aberta a quen quixera, e ademais á súa curmán Rosalía de Castro que estivo vivindo unha tempada nas Torres de Hermida onde naceron os seus fillos Ovidio e Gala o 2 de xullo do 1871.

Tamén chegou alí o Castelao estudante enviado por Rey Baltar e Don José Arcos, director de “El Barbero Municipal” semanario católico, conservador e maurista de Rianxo que decía do fidalgo: “De ameno y sencillo trato cortés por educación y naturaleza, era don José el prototipo de la delicadeza y de la corrección. Enemigo de hablillas, jamás sus labios se abrieron para murmurar de nadie. Metido en su casona solariega, vivía completamente solo, abstraído de todo lo que a su alrededor pasaba, sin más ambiciones ni deseos que ver a la humanidad libre y dichosa.”

Nudista e bo home

Practicante do nudismo, non tiña problema en pasear pola horta da casa nestas circunstancias aínda que recibira visitas e coa propia Rosalía vivindo na casa. Sería esta unha das causas polas que Rosalía e Murguía marcharon definitivamente para a Matanza en Padrón? Eran sabidas as diferencias políticas entre Don Pepito e Murguía, que o fidalgo fixo ver en varias publicacións.

Torres de Lestrobe

Os veciños facían o querían na súa finca ante a impasibilidade de Don Pepito coñecendo as penalidades e miserias destas xentes para non ter que denuncialos como ladróns. Cando ás veces sorprendía ós nenos roubando froita nas árbores da horta, axudáballes a baixar e como única reprimenda dicíalles que esa non era a educación que lles ensinaran seus pais.

Nunha ocasión veuse forzado pola necesidade a vender dous buxos de gran porte e cando os cortadores foron a por eles, estes xa desapareceran. O fidalgo ca gran indignación acertou a dicir: “Se sabedes quen foi, non mo digades!!!, que son capaz de…de… denuncialo!!” Unha vez realizada a investigación, descubriuse ós causantes,  o autor da descuberta, coñecendo a Don Pepito antes de proceder á denunciar comunícalle a noticia da seguinte maneira:

    – Don José, xa se sabe quen son os ladróns.
    – Foron máis de un?
    – Foron dous
    – Teñen fillos?
    – Si, dous…
    – Son labradores?
    – Son.
    – Son pobres?
    – Mais non poden selo.
    E agora que fago?!! Se fora rico, eses homes irían pro cárcere e eu mantería ós seus fillos. Que consigo eu se os denuncio e van pro cárcere? Nada. Eles terán comida e cama e os seus fillos morrerán de fame! Non. Vai e dille que os perdoo e que non o fago por eles senón polos seus fillos!!

O fidalgo, segundo publica o xornal “El Liberal” “Era un gran señor, que durante treinta años soportó con altísima dignidad, sin pedir nada a nadie, sonriente e irónico, la más desnuda y franciscana pobreza.Vivía solo en su casa de Lestrove, de la cual no quedaban relativamente sólidos más que los muros. No tenía la vivienda sino dos departamentos practicables: la amplia sala, que servía de dormitorio y despacho al dueño, y una extensa bodega. en donde se desmenuzaban, roídas por el polvo, unas cuantas cubas vacías”

O seu pasamento

O día 13 de maio de 1913 morre, un día despois de asistir a un mitin en Compostela de Alejandro Lerroux onde como outros moitos Don Pepito tiña posta a súa derradeira esperanza. Alfredo Vicenti director de “El Liberal” diario mais prestixioso da época e ligado a Rosalía de Castro e os Hermida, escribe: “Descanse en paz, bajo la tierra florida que tanto amó, el eminente republicano y librepensador que fue, sobre todo, un noble caballero.”

“El barbero municipal” de Rianxo deixa esta lembranza: “¡Pobre don José! Nosotros le queríamos entrañablemente. Era un hombre bueno. ¡Y hay tan pocos! Por eso, porque era bueno, estuvo su entierro tan concurrido. Se le dio sepultura, conforme a su voluntad, en el cementerio civil de Padrón… Su recuerdo nunca se borrará de nuestra memoria.”

Debuxo Don Pepito

Pouco antes de morrer, Don Pepito vendeu as Torres de Hermida a Don José Vázquez Batalla eminente galeguista e liberal que o 26 de marzo de 1930 albergou ós representantes das forzas republicanas galegas que firmaron o famoso “Pacto de Lestrobe”.Actualmente as Torres de Lestrobe parecen esperar por Don Pepito nun estado de total abandono por parte dos herdeiros de Don José Vázquez Batalla.

Xoán Xosé Vicente Franco.

 

Bibliografía:

– EL BARBERO MUNICIPAL.  Semanario Conservador de Rianxo.

-HISTORIA DE JOSE HERMIDA, ARISTOCRATA ALDEANO y LIBREPENSADOR

José Antonio Durán

-La cueva de Zaratustra.  La increíble historia de Pepito Hermida.

Pode que che interese...