fbpx
Detalle do cartaz de Voces Ceibes para o concerto do 1 de decembro de 1968

Morre Benedicto García, fundador de Voces Ceibes

Tempo de lectura: 2 min.

O 26 de abril do ano 1968 no paraninfo da facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela tivo lugar un recital de música galega ó que acudiron máis de 2000 persoas. Nel puideron escoitar ós cantautores Xavier del Valle, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso ou Vicente Araguas, baixo folletos de promoción redactados por Xesús Alonso Montero. O recital, con creacións propias e adaptacións de poemas galegos foi un rotundo éxito e pouco despois daría como resultado a creación do grupo de Voces Ceibes, unha das grandes institucións musicais da Galicia dos anos finais do Franquismo.

Portada do disco Polo mar da Liberdade

Entre estes cantautores atopábase daquela Benedicto García Villar, un dos promotores do evento, cantando aquel día temas como Eu son a voz do poboLoitemos ou Carta a Fuco BuxánBenedicto García Villar foi unha das figuras máis importantes da loita polas liberdades en Galicia dos últimos anos do Franquismo, un histórico sindicalista, docente e músico, fundador de Voces Ceibes. Benedicto García Villar finaba onte na cidade de Santiago de Compostela ós 71 anos de idade e deixaba tras de si unha longa traxectoria docente, cultural e comprometida que en Galicia é lembrada sobre todo polo súa acción reivindicativa a través da música.

Benedicto García Villar, que nacería en Santiago un 7 de maio do ano 1947, e estudará Telecomunicacións en Madrid e Económicas en Santiago ata a súa expulsión da USC en 1970 por motivos políticos. Foi amigo de Xavier Alcalá, de Celso Emilio Ferreiro, de Manuel María, de Alonso Montero ou de José Afonso. En 1968 tras as revoltas estudantís de Compostela acompañado por Xavier del Valle, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e Guillermo Rojo comeza a facer recitais, e no mes de maio fundará o colectivo Voces Ceibes, inspirado en experiencias catalanas e vascas, así como nos recitais de Raimon ou Serrat que vivira en Madrid.

Portada do seu EP Eu son a voz do pobo

Benedicto foi ademais mestre, afiliado ó PCG e sindicalista de Comisións Obreiras, tanto no eido musical como no da ensinanza, axudando a crear o Sindicato Galego da Música. Foi cantautor ata o ano 1979 publicando varios LPs e gran cantidade de singles. Dende 1995 dedicouse en exclusiva á ensinanza. Como mestre viviu a súa última etapa no Colexio López Ferreiro de Santiago, onde foi un dos profesores máis queridos ata que a enfermidade de Huntington o alonxou de toda actividade. A despedida de Benedicto García foi esta tarde ás 19 horas no tanatorio de Boisaca, en Santiago de Compostela.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...