fbpx
Mámoa violada en As Nogais preto da Medorra de Cerredo /Xabier Moure

Mámoas, enterramentos e Santa Compaña nas Nogais

Tempo de lectura: 2 min.

Ata o presente, no concello das Nogais só tiñamos documentados dous topónimos que facían alusión a uns posibles enterramentos megalíticos. Un é a Medorra de Cerredo, na serra de Vilavexe, entre as aldeas de Vilavexe e de Lama da Vila, unha penichaira que dende tempo inmemorial se utilizou como pradarías para o gando. As únicas referencias sobre a existencia dunha posible mámoa ou medorra veñen da tradición oral, asegurándose que ao arar a terra apareceron unhas grandes laxas que foron destruídas. Non moi lonxe saíron á luz algunhas lápidas, posiblemente medievais, das que tampouco quedan restos.

Lugar da Santa Compaña

Na Medorra de Cerredo está o sitio coñecido como Cruz de Cerredo, onde ata non hai moitos anos había unha cruz de madeira, hoxe en día desaparecida. Contáronnos que cando morría alguén de Vilavexe, o defunto era transportado coa cara mirando á aldea, mais ao chegar á cruz dábanlle a volta ao cadaleito para que mirara cara a igrexa parroquial de Santo André. Dixéronnos que xirar o cadaleito tiña a súa lóxica: conseguíase que a cabeza sempre estivera nun plano máis elevado ca os pés, evitándose dese xeito que os “fluídos” saíran pola boca do defunto. Tamén se asegura que por eiquí transita a Santa Compaña.

O outro sitio é o Monte da Medorra, na aldea de Sinllán, parroquia de Nullán, situado a 942 metros de altitude. A pesares do suxestivo cualificativo, non atopamos vestixio algún dun enterramento do Neolítico se ben as referencias orais din que había unha “tumba moi antiga” que foi destruída polos labores agrícolas. O que si se conservan son os restos dun primitivo castro moi alterado.

Cráter de violacin dunha mámoa de As Nogais atopada preto da Medorra de Cerredo / Xabier Moure

Nova mámoa atopada

Hai uns meses, por riba das aldeas de Vilavexe e Lama da Vila, a uns 960 metros de altitude e a menos dun quilómetro en liña recta da citada Medorra de Cerredo, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos co LIDAR-PNOA o que semellaba unha mámoa pero, debido ao mal tempo, non tiveramos ocasión de achegarnos ata o sitio. Para constatar a existencia deste enterramento tivemos que esperar ao mes de maio de 2018. Persoados no lugar, comprobamos, en efecto, que se trata dun túmulo duns 12 metros de diámetro e 1,50 de altura. Ten un cráter de violación de 1, 4 metros de diámetro e unha profundidade de 1,2 metros. Atópase nun terreo repoboado con piñeiros, con algúns exemplares plantados sobre o túmulo con restos de coiraza pétrea; no cono de profanación plantaron un piñeiro que foi cortado non hai moito, observando, ademais, que a terra estaba removida polo que cremos que foi obxecto dunha actuación furtiva nun momento relativamente recente.

Con esta descuberta, na comarca dos Ancares só nos queda por localizar algunha mámoa no concello de Pedrafita do Cebreiro onde contamos cunha referencia na parroquia de Lousada. O achado xa foi comunicado a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...