fbpx
Nas fouces da morte fotografía histórica de Robert F. Sargent / WikilmagesCC0

Manuel Otero, o galego que morreu no Día D en Normandía

Tempo de lectura: 5 min.

Fai exactamente 74 anos tal día como hoxe, un 6 do mes de xuño de 1944, desembarcaban nas praias de Omaha, Utah, Sword, Gold e Juno na Normandía francesa, uns cento sesenta mil soldados, o exército máis grande movido nunca nunha operación anfibia, contra a Francia conquistada por Hitler. O chamado Día D foi o inicio dunha das batallas máis importantes da Segunda Guerra Mundial e desencadeou o comezo do fin da guerra para Hitler, a pesares do inxente número do baixas. Manuel Otero Martínez, un galego de Outes, de 28 anos, estivo exactamente ás 7:40 da maña, nesa Hora H, na praia de Omaha, o único español documentado naquel importante momento.

Ó amencer dese día da primeira semana de xuño o soldado de primeira clase número 32868826 de reemprazo do 16 Rexemento de Infantería da Primeira División norteamericana, coñecida tamén como Big Red One, agardaba nunha balsa anfibia acoirazada LCVP ó desembarco nunha praia de Francia. El era Manuel Otero Martínez, un veciño de Outes emigrado nos Estados Unidos e alistado no exército americano algún tempo atrás. Non sabía o que se lle viña enriba, cruzar o mar coa equipación cargada, atravesar a praia baixo as ráfagas das ametralladoras alemás, sobrepasar liñas de aramio de espiño, campos de minas e foxos antitanque, para intentar asaltar as defensas alemás e liberar a praia. Poucos se salvaron daquelas primeiras ondas ofensivas.

Imaxe do desembarco unha vez tomada a praia / United States Coast Guard Collection USPD

Tempo atrás un frío día de 1916 Manuel Otero nacía na tranquila vila de Outes. Con tan so 20 anos Manuel veu o levantamento militar dos golpistas en España alistándose no exército republicano e participando en momentos coma a batalla de Brunete. Mais coa derrota do goberno republicano Otero terá que escoller entre volver como desafecto a pequena Vila de Outes ou, como moitos outros, emigrar ó estranxeiro. Así foi como pouco tempo despois Manuel xa se atopaba nos Estados Unidos, na cidade de Nova York traballando e enviando cartos familia na vella ría de Noia. Mais na busca do soño americano Manuel alistarase voluntario no exército estadounidense co obxectivo de conseguir, logo de seis meses de servizo, unha ansiada carta de nacionalidade.

Manuel Otero Martínez: Un gallego en Omaha Beach

Mais nunca o conseguiu, pereceu nas praias de Normandía aquel mesmo 6 de xuño. Así o relata o libro Manuel Otero Martínez: Un gallego en Omaha Beach, publicado por no 2016 por Arenas Publicaciones dentro da súa Colección Ariete. O autor, Antonio Osende Barallobre, un membro da Asociación Histórico-Cultural “The Royal Green Jackets” da Coruña, investigou a vida e pasamento de Manuel descubrindo, como di o propio texto, a presencia dun galego no mesmísimo Día D na hora H. 

Portada do Libro de Antonio Osende Barallobre – Ed. Arenas / amazon.com

“Hasta hace poco sólo se tenía documentada la presencia de españoles en las playas de Normandía a partir del 13 de junio de 1944, es decir una semana después del Día D, con el desembarco de la Number One Spanish Company del ejército británico. Posteriormente el 1 de agosto desembarcaría la Nueva Compañía, formada mayoritariamente por republicanos españoles alistados en la segunda división blindada, a las órdenes del general Leclerc. Mas recientemente los miembros de la coruñesa Asociación Histórico-Cultural The Royal Green Jackets ha descubierto la presencia de un gallego sobre la arena de la sangrienta Omaha, formando parte del 16 regimiento de Infantería”, como se afirma na contraportada do libro.

Mais foi  Manuel Arens, presidente de la asociación The Royal Green Jackets, quen primeiro deu co achado. Foi a raíz da chamada da propia sobriña de Otero requiríndolle investigar a historia do pasamento do seu tío. Un féretro de madeira e cinc cunha numeración americana e unha placa no cemiterio de Outes, nomeando a súa morte en Francia, foron as primeiras pistas. Tres anos despois dunha investigación levada adiante entre os anos 2013 e 2016, e despois de buscar nos Arquivos de Guerra Americanos, dende a asociación conseguiron reconstruír a historia do galego presente nun dos acontecementos máis importantes do século XX.

Batería de 155 nas costas de Normandía / Atlantikwall, Geschütz Valtingojer German Federal Archuves GEDP

Manuel morreu tomando a praia

Sobre as 7:40 da maña abríanse as portas frontais das barcazas LCVP que transportaban as tropas americanas. Como tantos, Manuel Otero co seu pesado equipo entraba na fría auga do Atlántico na que a duras penas podía manterse a flote. Despois, baixo o fogo das mortais ametralladoras alemás entraría na praia no medio dos cadáveres que xa xacían no chan. No medio do pánico podería resgardarse por uns minutos baixo unha pequena ondulación de bolos mentres os seus compañeiros trataban de cortar con desesperación os aramios de espiños que cortaban o seu avance. Ó continuar unha xunqueira e un campo de minas o separaban dun primeiro foxo antitanques, máis alá unha segunda liña de minas, para rematar ós pés do mesmo forte inimigo. Como moitos outros Manuel non conseguiu pasar do primeiro campo de minas.

Como moitos deles nin sequera puido chegar ó foxo antitanques, nin manterse vivo, mais ala da liña de costa. Manuel Otero que conseguira sobrevivir á Guerra Civil Española atopaba a morte enfrontándose por segunda vez ó fascismo europeo, esta vez no nome do exército americano. As 11.30 da mañá tomaríase a praia, e, cara finais do mes de agosto, as tropas aliadas en chan francés chagarían a máis de tres millóns. O porto de Cherburgo foi liberado o 26 de xuño de 1944, o 21 de xullo conquistarase a cidade de Caen, e tras recuperar no mes de agosto todo o sur e centro de Francia o 25 dese mes tería lugar a Liberación de París. Manuel non viviría para contalo, pero a diferencia de España, o exército aliado co que el loitaría acabaría por liberar a fronte occidental da tiranía fascista.

Batería alemana en Normandía / ddzphotoCC0

 

Aquí podemos ver un documental do canal de youtube galego Tropa Guripa

 

Pode que che interese...