fbpx
Unha das ilustracións de Castelao / pontevedraviva.com

O gran tesouro de Castelao xa está baixo custodia

Tempo de lectura: 2 min.

Os orixinais do Álbum Nós xa forman parte da colección permanente do Museo de Pontevedra. Será o vindeiro martes 3 de xullo cando se abra a Sala Castelao do segundo andar do Sexto Edificio tras a remodelación da que foi obxecto para acoller as 50 estampas orixinais do Álbum Nós.

A exhibición permanente destas obras pon o broche a máis de oito décadas de busca constante por parte de diferentes axentes do mundo da arte, posto que se perdera a pista do seu paradoiro desde a década de 1930. Hai que lembrar que os orixinais apareceran no mes de marzo de 2016 no marco do Ano Castelao, cando o equipo técnico do Museo de Pontevedra estaba a traballar na compilación de obra orixinal do artista rianxeiro para a mostra ‘Meu Pontevedra’, que conmemoraba o centenario da chegada do artista á cidade do Lérez.

Castelao realizou as estampas do Álbum Nós entre os anos 1916 e 1918, que expuxo por primeira vez na Coruña en 1920. Posteriormente, entre os anos 1921 e 1924 sería exposto en Madrid, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Ferrol, Pontevedra, Barcelona, Vigo e Santiago de Compostela.  En 1931 editaríase en formato libro. A desaparición dos orixinais desde a década de 1930 foi unha constante fonte de pesquisas e hipóteses que, finalmente, derivou no achado histórico por parte do equipo do Museo fai dous anos. A partires do vindeiro martes, os 50 debuxos que o compoñen xa permanecerán accesibles para o público no Museo que atesoura a maior parte da obra e dos arquivos de Castelao.

Namoraban nas foliadas

Debuxo de Castelao

Acto institucional

A presidenta da Deputación, Carmela Silva; o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, encabezarán un acto institucional de benvida dos orixinais ao Museo, no que tamén participarán o director do Museo, Carlos Valle, e os conservadores responsables do achado, Ángeles Tilve e José Manuel Castaño. O acto incluirá cantares de cego, a cargo do músico Luis Caruncho, e unha intervención artística baseada nas propias estampas, a cargo da poeta e performer Tamara Andrés.

A este acto formal está previsto que asistan representantes de institucións en relación coa obra de Castealo, como son a Real Academia Galega de Belas Artes, a Real Academia Galega, a Fundación Castelao, o Consello da Cultura Galega, ou a Fundación Filgueira Valverde. Tamén están convidados o director xeral de Galaxia e Javier Baltar, principais propietarios dos dereitos de autor da obra do rianxeiro, o alcalde do concello de Rianxo, por ser o lugar de nacemento do artista, debuxantes como Kiko da Silva e Siro López, e autores e autoras de ensaios e investigacións como María Victoria Carballo Calero, Diana Vilas e Óscar Rodríguez.

Pode que che interese...