fbpx
Medidas da cabeza gravada nun penedo de Friol / Xabier Moure

O misterio da gran cabeza esculpida nunha pedra de Friol xunto a elementos prehistóricos

Tempo de lectura: 2 min.

Hai uns días documentamos varios bens patrimoniais no concello de Friol, un deles moi interesante. Nun afloramento granítico coñecido como Pena Grande, na parroquia de Santalla de Devesa, localizamos un grupo de seis coviñas dispostas sobre a parte horizontal da rocha. Teñen unhas medidas que oscilan entre os 6 e os 11 centímetros de diámetro, e unha profundidade de entre 3 e 0,5 centímetros. Segundo a tradición, nesta pena hai dous sepulcros escavados na rocha. Aínda que poden semellar uns sartegos, nós cremos que non son tal, senón que se trata de pías naturais producidas pola erosión cuxa forma, sobre todo na parte onde iría a cabeza do defunto, pode dar a impresón de que se trata de enterramentos antropoides.

Pero a descuberta máis sorprendente produciuse na parroquia de Miraz. O investigador Brais Rodríguez Romero máis eu grazas a información facilitada por Carlos Pena, desta parroquia, achegámonos á coñecida como penas de Pedrouzos Ribón, situadas no monte de Miraz, non moi lonxe do grupo de mámoas do monte Vilaldar, nun sitio que non é de fácil acceso debido á mesta maleza que cubre o sitio. Nunha rocha descubrimos unha gran cabeza humana, perfectamente definida, insculpida na cara vertical da mesma e orientada cara o leste. De perfil, aprécianse claramente o nariz, a boca, un ollo, unha orella, o queixo e os ombros.

Unha cabeza gravada nun penedo de Friol / Xabier Moure

Grandes medidas

Ten unhas medidas aproximadas de 1 por 0,50 metros. Aínda que na parte superior da pena, sobre a superficie horizontal, tamén documentamos varias coviñas de cronoloxía prehistórica, en principio cremos que a cabeza quizais sexa posterior, pero tamén nos chama a atención que os sucos que a definen, aínda que están bastante pronunciados, destacan pola suavidade ao tacto o que nos fai pensar que ten unha antigüidade considerable. Segundo nos contou a persoa que nos facilitou a súa localización, non se conserva memoria de algunha lenda ou tradición ao seu redor. Polo momento non nos atrevemos a facer conxecturas pero, teña a antigüidade que teña, non podemos deixar de preguntarnos porque a figura desta cabeza, de tan boa feitura, se atopa, precisamente, nun lugar elixido polos prehistóricos poboadores para enterrar aos seus mortos e gravar os enigmáticos petroglifos.

Atopados elementos castrexos e romanos

Ao menos, na provincia de Lugo, descoñecemos un referente semellante. E hai máis, neste mesmo monte apareceron hai anos tres morteiros de pedra coma os atopados en varios castros galegos (un foi colocado na área recreativa), e unha ara romana depositada actualmente no Museo Provincial de Lugo. Está claro que nos atopamos diante dun sitio arqueolóxico excepcional que haberá que seguir investigando.

Ademais da comunicación a Patrimonio para que cataloguen os petroglifos e a cabeza, tamén llo trasladamos ao Concello de Friol para que procedan á limpeza do entorno para facer visibles estes interesantísimos bens patrimoniais e os sinalicen xa que ao seu carón pasa o Camiño do Norte a Santiago que aproveitou, seguramente, camiños máis antigos, o que vai incrementar, sen lugar a dúbidas, o seu valor cultural.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...