fbpx
Unha folla de figueira na auga / foto CC0

O “raio verde” e a “flor da auga” as dúas tradicións máis sutís de San Xoán

Tempo de lectura: 2 min.

Aínda que bispos e santos como San Martiño de Dumio o intentaron na Alta Idade Media, o Cristianismo non puido coas celebracións pagás do día de San Xoán, do solsticio de verán, o día máis longo do ano. O lume, a auga, as sete fontes, saltar as cacharelas, bañarse nas ondas, ou recoller o ramo de San Xoán, son tradicións precristianas que teñen un obxectivo apotropaico, protector contra os malos espíritos. Mais hai dúas tradicións desta noite que destacan pola súa sutileza, que son como dicía o poeta, como a sombra do aire na herba: o raio verde e a flor da auga.

Disque na noite de San Xoán no derradeiro día da primeira metade do ano o solpor e o amencer están máis preto que nunca. Mirar o solpor neste día é mirarlle de feito ós ollos ó solsticio. Mais a tradición científica e popular fala dun curioso fenómeno que ocorrería todos os días máis que no San Xoán ten un carácter particular. Pois o espectro visual do sol ó pórse torna das lonxitudes de onda de cor máis longas ás máis curtas, por iso a medida que se achega o astro ó horizonte vai tornando cada vez máis vermello. Mais no xusto instante no que desaparece por detrás da liña de terra ou de mar, a última emisión debería ser a da lonxitude de onda máis curta. Por isto dise que o último que se ve no solpor do San Xoán é un raio verde.

A flor da auga é outra das tradicións máis poéticas desta noite. A flor da auga é a que se recolle ó amencer cos primeiros raios do sol a rentes da fonte. Dise que é como se nesa escasa corrente tocada por primeira vez polo día se xuntaran todas as virtudes da auga coas da luz da mañá, como se as derradeiras gotas do orballo coincidiran no bico da corrente cos primeiros raios de luz. Compárase cun paxaro que levara no peteiro unha flor recollida da auga, como un instante, único, que desaparece ata o vindeiro solsticio. A fror ou flor da auga é unha expresión poética da tradición literaria popular que aparece habitualmente nas cantigas aludindo á sutileza do tempo.

O sol a rentes da auga / foto PublicCoCC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...