fbpx
Pico Sacro / foto Iomons wikimediaCCBy

O Pico Sacro

Tempo de lectura: 2 min.

Por que se fai unha celebración arredor do lume sagrado no Pico Sacro?. Onte publicábamos no xornal a celebración da cerimonia do Lume Sagrado o pasado sábado no Pico Sacro, unha celebración dentro do programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro que está a desenvolver o Concello de Boqueixón. Mais que é o Pico Sacro, cales son las lendas que corren ó seu redor? Por que se celebrou no lugar o ritual do Lume Sagrado?

Para empezar o pico sacro é unha elevación de seixo abrupta dentro das chairas do Ulla, a uns 600 metros sobre o nivel do mar. A súa forma estivo sempre moi presente nas Terras de Santiago e do Deza servindo de referente visual dos últimos tramos do Camiño de Santiago. Isto fixo que o pico dende as súas orixes estivera especialmente ligado á lenda apostólica. Pois trala chegada do corpo do Apóstolo Santiago ás costas galegas a Raíña Lupa, dona destas terras, ofreceulles o lugar ós discípulos do Apóstolo para que construíran nel o sepulcro do Santo. Mais en realidade era unha argucia da Raíña para que pereceran a mans dun fero dragón que no pico habitaba. Mais o dragón non os devorou ó facer os discípulos o sinal da cruz, o que deu lugar á conversión da Raíña e dos habitantes da zona.

Mais o lugar foi tamén dende tempos inmemoriais un lugar sagrado para a cultura popular, asociándoo a mouros, serpes ou demos que vivirían no seu cumio. A tradición popular tamén fala de covas, e se atribuíron cualidades curativas para as que existe unha oración recollida por Risco pedíndolle curación ó propio monte. Ós seus pes atópase tamén unha capela, levantada, sen dúbida, para sacralizar un lugar de forte tradición pagá, e que terá que ver coa fundación no século IX o bispo Sisnando dun mosteiro no seu cumio, do que se conservan partes reconstruídas dos séculos XI y XII, así como restos que poderían pertencer a unha torre medieval.

Pico Sacro / foto boqueixon.com

 

Pode que che interese...