fbpx
manuscritos / foto jarmolukCC0

Queres coñecer os tesouros documentais de Galicia?

Tempo de lectura: 3 min.

Moitos dos grandes tesouros documentais de Galicia se atopan a día de hoxe no Arquivo de Galicia. E esta mesma institución está dende fai xa tempo a facer un esforzo importante por amosar algúns dos seus mellores contidos. Se vai un tempo se inauguraba a exposición Santiago. Protección e transformación da cidade, cos fondos correspondentes ás Comisións de Patrimonio Histórico da cidade de Santiago, tal e como demos conta dende o noso xornal, agora é a quenda doutros grandes documentos galegos que conforman o fondo do xa importante Arquivo de Galicia.

Así, dende o pasado 8 de xuño, na Cidade da Cultura unha exposición móstranos algúns dos maiores tesouros documentais que custodia o Arquivo. A exposición, que foi titulada Arquivos: gobernanza, memoria e patrimonioco mesmo lema que leva este ano o Día Internacional dos Arquivos, recolle ata 40 documentos e fotografías vinculadas cos ámbitos da educación, a saúde ou a participación cidadá. A exposición, que estará aberta todo o verán, ten ante todo a particularidade de ser unha mostra do que contén no seu interior este arquivo que naceu case 15 anos atrás coa vocación de ser un depósito da memoria de Galicia.

Así, entre as curiosidades que podemos atopar na exposición, e de entre os documentos máis singulares do arquivo, destacan algúns como un manuscrito de 1578 do arquivo familiar de Pita da Veiga sobre a defensa ante o ataque do príncipe de Orange ás costas galegas, un caderno escolar de Leopoldo Calvo Sotelo ou imaxes de folgas de traballadores. Destaca tamén o proxecto para a instalación dunha central hidroeléctrica de Augas de Galicia de 1952, salvocondutos do século XVI ou a relación de nóminas de homes e mulleres da empresa Massó de Avilés.

Artigo e novo edificio do Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura

“Son documentos que forman parte do patrimonio documental galego, constitúen a memoria da nosa sociedade e son o noso legado para as xeracións futuras. Así de relevantes son estes fondos”, salientou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de inauguración. Para o máximo responsable de Cultura da Xunta, “é obrigado recordar a importancia dos documentos, dos arquivos e do patrimonio documental na salvagarda do estado de dereito, no desenvolvemento de institucións transparentes e responsables, como garantes da conservación da memoria colectiva”.

A exposición, que poderá visitarse ata o 17 de setembro na Cidade da Cultura contou coa particularidade de ofrecer o pasado día 8 unha xornada de portas abertas, e ata o 15 de xuño ofrecer visitas guiadas ás dúas exposicións que alberga o Arquivo, Santiago. Protección e transformación e Arquivos: gobernanza, memoria e patrimonio. O Día Internacional dos Arquivos é unha iniciativa do Consello Internacional dos Arquivos (ICA) que recolle máis de 177 eventos ó redor de todo o mundo vinculados con estas institucións, e que se celebra todos os anos o día 9 de xuño.

Un arquivo / foto PexelsCC0

Pode que che interese...