fbpx
Un observatorio Free-PhotosCC0

Ramón María Aller, o sacerdote matemático que revolucionou a astronomía en Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Fai practicamente 75 anos, un 27 de setembro de 1943, Ramón María Aller Ulloa iniciaba a súa actividade na Universidade de Santiago de Compostela como investigador, docente e divulgador de astronomía. Nese ano el mesmo funda o observatorio astronómico da USC, que leva hoxe o seu nome. O observatorio que fundou Aller, polo de agora, é o único no actual Sistema Universitario de Galicia, e ó longo deste ano 2018 celebrará o seu aniversario.

Mais a súa historia comeza nos montes de Lalín, onde un sacerdote e matemático de profesión, Ramón María Aller, con pouco máis de trinta anos, construiría na década de 1910 o primeiro observatorio astronómico de Galicia na súa propia casa. Era daquela xa doutor en Teoloxía pola Universidade de Santiago e licenciado en Ciencias Exactas pola Universidade de Madrid. Aller xa levara a cabo un intensísimo e exemplar traballo tanto nas matemáticas coma na astronomía, o que o levou a reedificar en varias ocasións o observatorio. Mais tamén a incorporarse en 1939 á docencia como profesor Xeometría Analítica e Análise Matemática, catro anos antes da fundación do afamado observatorio.

astronomía / globalpixxelCC0

E é que este sacerdote e matemático nacera un 3 de febreiro en 1878 en Lalín, no pazo de Figueroa. Era fillo dun importante notario, Domingo Enrique Aller Rodríguez, e afillado do deputado Ramón Villar Ulloa. Estudou na Guarda e despois no Seminario de Lugo e foi ordenado sacerdote no cambio de século. Mais a súa paixón non era a Teolóxía, senón que a súa vocación real foi polas matemáticas. Así, despois de estudar como alumno libre, en 1904 licenciaríase en Ciencias Exactas na Universidade de Madrid. Mais non foi ata 35 anos despois cando se incorporou como docente á USC, porén exercendo a súa paixón dende a capital do Deza.

Un observatorio para a universidade galega

Mais antes da Guerra Civil Aller non era nin moito menos un descoñecido. Ramón xa se atopaba entre a intelectualidade galega cando en 1928 lle invitaron a formar parte do SEG, o histórico Seminario de Estudos Galegos. Tamén o era o seu coñecido observatorio de Lalín cando os profesores Isidro Parga Pondal e Luis Iglesias concibiron o traslado do seu observatorio á universidade antes do 36. O tráxico falecemento do reitor progresista Rodríguez Cadarso en accidente de automóbil frustrou a posibilidade, quedando apartada ata despois da Guerra Civil.

Observatorio Ramón María Aller Ulloa no Campus Vida da USC / foto XosemaCCBy

Para aquela Ramón xa formaba parte da Academia das Ciencias Exactas de Madrid e da Comisión da Astronomía da capital, así como doutras institucións. En xullo do ano 1941 ingresaba na Real Academia Galega, xa como docente da USC. Mais a universidade seguía polo daquela sen observatorio. Foi logo de intensas xestións do profesor Enrique Vidal Abascal coas autoridades do momento, cando finalmente o CSIC accedeu a apoiar o traslado. En 1943 foi finalmente creado o observatorio da USC, para o que o arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez deseñaría un extraordinario edificio de estilo rexionalista dentro do campus que estaba a construír.

Ramón María Aller foi, unha figura singular do seu tempo. Ademais de crear o observatorio, entre outras moitas cousas, foi o introdutor en España do estudo das Estrelas Dobres, unha liña que dende entón é fundamental na USC. Fixo gran cantidade de publicacións, moitas delas en revistas internacionais, así como os afamados libros Introducción a la Astronomía e Astronomía a Simple Vista. Dirixiu as teses de Vidal Abascal, Cid Palacios, Mújica Buhigas, Zaera de Toledo e Ferrín Moreiras entre outros. Foi catedrático e director vitalicio do observatorio, cóengo de honra da Catedral de Santiago, fillo adoptivo da cidade e, grazas á súa fama internacional, o profesor inglés Wikins púxolle o seu apelido a un cráter da Lúa. Nos anos 2010 e 2011 dedicáronselle o Día da Ciencia en Galego e o Día Científico Galego.

Os astros tal e como os vía Ramón María Aller Ulloa / Free-PhotosCC0

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...