fbpx
Ponte Ulla, entre Vedra e Silleda / foto vivecamino.com

Seguen a aumentar os peregrinos da Vía da Prata nas Terras do Deza

Tempo de lectura: 2 min.

A Vía da Prata tamén é outro dos itinerarios do Camiño de Santiago que segue a medrar. A pesares de non ser un dos itinerarios estrela do Camiño moitos buscan este percorrido fuxindo das rutas máis masificadas e procurando os encantos dun itinerario que percorre a provincia de Ourense e o corazón de Galicia. A Vía da Prata procedente de Sevilla e seguindo o antigo itinerario romano por Extremadura e Castela León , entra en Galicia pola Gudiña, subindo por Ourense e cruzando máis tarde as Terras do Deza, antes de cruzar o Ulla e entrar xa nas terras de Compostela.

É nestas últimas xornadas, que atravesan as Terras do Deza e do Ulla, nas que o Camiño atravesa o concello de Silleda, nunha das últimas paradas antes de acadar Santiago. Porén é segundo os turistas un dos tramos máis fermosos, tocando monumentos como o Pazo de Trasfontao, a igrexa de Santiago de Taboada, que estará aberta durante a temporada de verán e atendida por un guía, ou o singular entorno de Ponte Ulla. Mais tamén ó ser os últimos tramos, nos últimos 100 quilómetros do itinerario, a afluencia de camiñantes é moito maior.

Mostra disto é o aumento de peregrinos que o concello de Silleda está a rexistrar ano tras ano. Así no 2018 o número de reservas para este mes de xullo no concello xa superaba vai unhas semanas as 1.000 persoas e agárdase que a cifra aumente a medida que se achegan as datas do verán. Entre estas hai xa reservas de grupos de diversas localidades como Madrid, Córdoba, Mérida, Badajoz, Valladolid, e Granada, entre outros. Isto fai que unha vez máis o Concello teña que habilitar para acollelos pavillóns como o de Bandeira, xa que as máis de 500 prazas de albergue dispoñibles a diario no concello previsiblemente non sexan dabondo.

Dende a Concellería de Turismo Ana Luisa González destaca a grande afluencia de peregrinos no municipio, que segue a ser parada no seu itinerario cara Santiago. E é que Silleda conta, dende xullo de 2013, cun albergue da Xunta na vila da Bandeira que conta con 36 prazas. Ten ademais outros establecementos  privados declarados como albergues turísticos como Transfontao, Santa Olaia, Silleda, Gran Albergue Turístico e Fervenzaaventura que suman en total 476 prazas máis. Pese a isto, e case de xeito habitual, no verán o Concello vese obrigado a habilitar o pavillón, o que demostra o éxito co que está a contar esta ruta.

Pode que che interese...