fbpx
Praza Quintana foto Fuco Reyes, unha das ilustracións do libro

Un sensacional estudo revela os segredos das escaleiras monumentais de Compostela

Tempo de lectura: 4 min.

Nunha cidade monumental entre vales e outeiros é normal que as escaleiras sexan unha parte fundamental da súa paisaxe. Pois as escaleiras non so son un elemento de transición dun espazo a outro, a diferentes niveis ou andares, senón que as escaleiras poden ser, e son de feito, un elemento de monumentalidade en si mesmo. Coa súa diferente feitura, percorridos, chanzos e tiros, condicionan de xeito completo a cada paso o noso percorrido pola súas pequenas pacelas de cidade, xa sexan exteriores, formando parte do espazo urbano, ou interiores, dentro das nosas importantes arquitecturas.

San Martiño Pinario, unha das ilustracións do libro

Miriam Elena Cortés López, unha xoven investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, soubo comprender a importancia das escaleiras na cidade de Santiago e decidiu investigar fondamente súa historia. Así, o pasado día 13 na Fundación Torrente Ballester presentouse o libro De tiros, huellas y arrimos. Historia de la escalera monumental en Santiago de Compostela, resultado de case unha década de investigacións ó redor da importancia deste elemento arquitectónico da cidade. O libro, no que se recolle a parte máis divulgativa do seu traballo, foi editado por Andavira Editora e prologado do profesor Juan Manuel Monterroso Montero.

Dende o século XVI á actualidade

No libro faise un importante percorrido polas escaleiras monumentais de Compostela, dende as súas orixes ata a actualidade, co obxectivo de ofrecer un novo xeito de entender a urbe. Faise a través dun paseo polas escaleiras que se integran na súa trama urbana, nos seus xardíns, pero tamén no interior dos edificios máis representativos e noutros menos coñecidos.

A viaxe comeza no século XVI, a través das escaleiras que dan acceso á cripta e o camarín da catedral de Santiago, dos claustros renacentistas e a sacristía da capela do Hospital Real, mais tamén das escaleiras dos colexios de Fonseca, San Clemente e San Xerome. Escaleiras de edificios relixiosos e edificios civís, escaleiras de edificios universitarios coma a Facultade de Medicina, de antigos hospitais como os de San Roque, o Hospital Real ou Conxo, dos principais conventos como o de Santa Clara ou o Pórtico Real de San Martiño Pinario. Tamén a escaleira Maximiliana que caracteriza ó Obradoiro, a escaleira que separa a Quintana de Vivos e de Mortos ou a de Praterías.

Escaleira da Exposición Rexional de 1909, un dos grandes fitos do modernismo na cidade

Avanzando no tempo pazos, quintas e teatros. Miriam Elena detense tamén no seu contorno natural como o parque da Alameda, no acceso a Santa Susana, a escaleira monumental da Residencia de Estudantes, a da Estación de Ferrocarrís e o Hospital Provincial. Tamén hai un recordo para as escaleiras non construídas, as desaparecidas e as que frecuentemente se esquecen, coma a da Vía Sacra. Por último, e non menos importante, as escaleiras dos grandes arquitectos contemporáneos que nos últimos 35 anos mudaron a cidade.

Unha investigación de luxo

Así o estudo de Miriam Elena chega ata un total de 64 escaleiras da cidade, unha amplitude que, segundo explicou a autora, obrigouna a involucrarse non so en cada unha delas senón na historia e nos contextos artísticos, arquitectónicos e sociais que deron lugar á súa construción e que fan de cada unha un caso único. É por isto que o estudo convida a coñecer este elemento arquitectónico dende múltiples puntos de vista, a través dos exemplos que se presentan, dos datos históricos, testemuños da época e cuestións formais como poden ser dende a forma dos chanzos ata a riqueza dos tiros.

As escaleiras, como estas do claustro do convento de Conxo, son en ocasións grandes descoñecidas en Santiago. Unha das imaxes que ilustra o libro

“Na práctica totalidade das pezas foi necesario abordalas dun xeito individualizado, recorrendo a aquelas persoas que nos puideron ofrecer algunha pista”, afirmaba a autora. “A súa orixe histórica, a súa configuración, a función práctica e simbólica que cada unha delas posúe,” son, segundo o profesor Monterroso, as que reflicten neste libro un traballo “rigoroso e ameno”. Aspectos como o espazo no que se atopan, o momento no que se constrúen, ata os cambios ou alteracións que puideron experimentar co paso do tempo, constitúen o corpus da investigación e da obra.

E non podía ser doutro xeito, xa que Miriam Elena Cortés é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, e unha das máis destacadas de entre as máis novas. As súas liñas de investigación desenvólvense ao redor dos campos do patrimonio arquitectónico galego, o urbanismo e a paisaxe, con varios estudos sobre as escaleiras monumentais así como cuestións como os Via Crucis monumentais da cidade ou da literatura artística nas bibliotecas e arquivos composteláns. O libro conta ademais coa colaboración de Fuco Reyes autor de moitas das fotografías que ilustran o texto, entre outras, da imaxe da portada.

O futuro da escaleira da estación de ferrocarril segue a día de hoxe en entredito. Unha das imaxes do libro

Pode que che interese...