fbpx
Ponteareas no Tempo, detalle do cartaz do proxecto

Unha iniciativa do Concello de Ponteareas tratará de que a memoria colectiva da vila perviva no tempo

Tempo de lectura: 2 min.

Como pervive a memoria dunha vila? Que memoria queremos que perviva? Como chegar máis alá da memoria única ou institucional? A Concellería de Cultura de Pontareas planteouse moi seriamente estes temas e quere que a vila conserve a súa memoria. Por isto o xoves 14 de xuño presentou no salón de plenos o proxecto “Ponteareas no Tempo”, unha singular iniciativa para recuperar a historia da veciñanza coa colaboración dos veciños e a través da fotografía. O proxecto que propón a concellería que dirixe Hortensia Bautista pretende recuperar a historia do concello a través das fotografías que están nos caixóns das casas das veciñas e veciños.

E é que estas fotografías son en realidade unha pegada material das historias da xente, das historias que os seus veciños conservan a través de estas imaxes. A intención do Concello é deixar un legado ás xeracións futuras a través dun proxecto colectivo que perdure no tempo. “Somos conscientes de que cada día que pasa se perde unha historia, polo que queremos contar coa colaboración de cada familia, cada barrio, cada parroquia e cada colectivo ou  entidades que axuden a recuperar a nosa historia e contala aos máis novos. Cada un de nós coñece unha historia que ninguén mais sabe, por iso todos somos importantes”.

É por isto que estes pequenos anacos de memoria, contados ou a través da fotografía, conformarán un proxecto colaborativo que pretende dende un punto de vista múltiple e plural contar a historia dun concello. O centro, a conciencia de que a historia non se conta a través de un único relato, senón de que cada historia se conforma a través dunha multiplicidades de historias persoais que unidas conforman un relato conxunto, non sempre contado. Así a concellería convidou a todas aquelas persoas que queiran participar a pórse en contacto co departamento de cultura do concello, nun proxecto que non será para un so día ou para meses senón, en segundo o propia concelleira, para moitos anos.

Pode que che interese...