O barrio do Berbés / detalle dun panel informativo, Concello de Vigo

Unha nova arquitectura para salvar o Berbés

Dous edificios históricos na antiga ribeira, a pé de mar, esta é a parcela que “recuperará” a Xunta de Galicia na Ribeira do Berbés de Vigo para convertela nun albergue de peregrinos. Así o anunciou en rolda de prensa o presidente do Consorcio do Casco Vello de Vigo, Ignacio López-Chavez o pasado día 31. O edificio cedido a Turismo de Galicia, deberá estar listo antes do próximo Ano Xacobeo e contará con 90 prazas e un investimento de preto de un millón de euros. O inmoble mercado no seu día polo Consorcio por 350.000 euros será sen dúbida unha das pezas clave para avanzar por fin na recuperación deste importante barrio mariñeiro de Vigo

A parcela que cederá o Consorcio a Turismo de Galicia está composto por dous edificios históricos da fachada na histórica Ribeira, nun espazo que conta con protección. Porén non con protección integral, senón que, como ocorre con moitos elementos dos nosos cascos históricos ó contar con protección ambiental, so é preciso conservar as fachadas, conforme o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) do Casco Vello. Segundo este, a rehabilitación contempla o aumento dunha planta no edificio que da ó Berbés, o que será aproveitado pola obra do Consorcio para ampliar a edificabilidade.

Ribeira do Berbés con edificios que se reformarán en primeiro e segundo plano / Turismo de Galicia

Así, os dous edificios, que conforman unha parcela de 258 metros cadrados atópanse unidos interiormente e dan coa fachada ó número 5 do Berbés, a antiga ribeira, e o número 9 da rúa traseira, a rúa do Peñasco. Se ben na primeira rúa non se permite a ampliación na segunda, segundo se declaraba na rolda de prensa, ampliarase un andar máis mediante muros tamén de pedra, algo que, a falta de coñecerse o proxecto podería considerarse coma un falso histórico ou fetiche. O edificio terá unha cesión de trinta anos.

O certo é que esta actuación nace enmarcada nun momento clave do desenvolvemento do Camiño de Santiago en Vigo. A importancia que está a conseguir o itinerario Portugués nos últimos anos fai que a Xunta tome a decisión de colocar en Vigo un novo albergue público na ruta, e que para isto escolla o histórico porto do Berbés. Segundo López-Chavez é a ruta que neste momento ten un maior crecemento, facendo que o pasado ano chegaran á cidade unhas 7.500 persoas. O feito de escoller o Berbés irá sen dúbida en beneficio do barrio e da cidade.

Outras pezas para a recuperación do Berbés

Mais esta peza non será a única, xa que xa en abril de 2016 o Consorcio facía outra cesión, neste caso a Universidade de Vigo, dos non moi lonxanos números 11, 13 e 15 desta ribeira para a construción dun novo edificio administrativo.  O edificio, destinado a espazo para I+D, zonas de coworking, salas para actos institucionais, Centro de Linguas e aulas do Programa de Maiores, tería máis de 1500 metros cadrados. Sería ademais unha cesión a universidade por 40 anos e contaría cun orzamento de 1,8 millóns de euros.

proxecto para o Berbés / foto estudio Abalo Alonso, Faro de Vigo

Mais o edificio da universidade, porén de ser practicamente un edificio de nova planta, pois os tres solares que o acolleron atopábanse xa completamente en ruínas quitando as fachadas, ten un carácter moito máis integrador que o que se esbozaba nesta ocasión dende o Consorcio. O edificio, deseñado polo estudo compostelán de Ábalo Alonso, posúe un aire contemporáneo, recupera os soportais, dialoga co seu entorno e emprega a madeira como elemento condutor. Interiormente destacaría pola súa versatilidade.

Daquela afirmábase que sería a primeira peza da rehabilitación da zona e, dous anos despois e co edificio en obras, semella que a premonición comeza a ser certa. Pois a rehabilitación que está a facer o Concello do Casco Vello vai chegando tamén pouco a pouco ás inmediacións e ó propio Berbés. Entre eles moi preto se atopa o Rexistro da Propiedade de Vigo, un edificio dos arquitectos Irrisarri e Piñera sobre tres edificios da rúa Real, e moi preto noutro espazo degradado do casco vello na rúa do Chao o Centro de Fotografía. Porén o máis importante foi o desenrolo da praza un espazo relativamente polémico, nacida da premiada intervención de Abrir Vigo ó mar do arquitecto Guillermo Vázquez Consuegra. O futuro albergue público pode chegar a ser sen dúbida unha nova peza neste renacer deste espazo onde aínda queda todo por facer.

 

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: