Detalle da portada occidental

Xeringas, pintadas e cristais rotos, así se atopa a histórica Santa Susana

A Capela de Santa Susana foi construída no século XII polo arcebispos Xelmírez no alto dun dos montes que rodeaban a cidade. Co nome de Santo Sepulcro pasou ó pouco a chamarse Santa Susana despois de que o arcebispo roubara en Braga as reliquias desta santa. Mais da capela orixinal so se conserva a portada abucinada occidental e elementos da torre, xa que nos séculos XVII e XVIII foi reformada case por completo, engadindo o que hoxe é a cabeceira, a nave, a sacristía e capelas no que practicamente foi unha reconstrución de todo o templo. 

Co tempo a capela quedou rodeada por unha inmensa carballeira que se foi conformando dende que en 1546 o Conde de Altamira doa o espazo que a rodea como “pasto común e plantar árboles e arboledas”. Ata o lugar se facían ritos procesionais, se empregou para feiras, para as primeiras reunións das xuntas de veciños da cidade, serviu como mallum e como espazo de lecer. Dende 1827, como contábamos noutro artigo,  o lugar convértese no xardín público de Santiago.

Dende aquela a capela quedou encadrada dentro do grupo de xardíns históricos máis importantes da cidade e un dos máis importantes de Galicia, e rodeado en tres cuartas partes polo paseo de Ferradura. Mais na actualidade na capela moi raramente se celebran actos relixiosos e fica case coma un elemento patrimonial e testemuñal do pasado dun dos lugares máis importantes da cidade. Mais esta capela no cumio do outeiro e entre centenarios carballos, alén da súa imaxe idílica e paradigmática, sofre dende fai moito tempo o problema do vandalismo a pesares des esforzos de Igrexa e Concello por mantela.

Se hoxe nos achegamos a ela atoparemos varias sorpresas non moi agradables, a pesares de que nos últimos anos investíronse máis de 9.000 no seu mantemento. A histórica capela sofre habituais danos, como as continuas pintadas e grafitis que invaden o templo e que máis alá das paredes de pedra -nas que os operarios borran con certa asiduidade- perviven tanto nas portas e fiestras tanto de ela como de galpóns anexos. Tamén son habituais as roturas dos cristais, que a día de hoxe xa son unha constante en tódalas fiestras, e que permiten que entren os paxaros e estropeen o interior do templo. Á nómina de danos engádeselle a rotura de farolas e a presenza de stickers, e máis, no propio lugar, desgrazadamente non é raro atopar ata xeringas. 

É por isto que a pasada semana dende un medio local da cidade contábase como dende o arcebispado estase a barrallar a desacralización do templo e máis a cesión ó Concello a cambio dun adecuado mantemento. Dende este medio apuntábase ademais cara a posibilidade de que a capela se puidera utilizar como lugar de exposicións, asegurando, daquela, unha vixilancia máis completa. O certo é que o lugar, un dos máis singulares da cidade compostelá, atópase relativamente afastado, e a capela unha vez máis volve a estar nun estado máis que preocupante como repasamos nas galerías.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: