fbpx
Conxunto relixioso de Iria Flavia, co cemiterio, a igrexa e a Casa do Capelán ao ao fondo / mapio.net

A Casa dos Capeláns de Padrón, outra rehabilitación para os veciños

Tempo de lectura: < 1 min.

Onte foi o día elixido para a visita institucional a unha nova peza da arquitectura histórica recuperada. Trátase da Casa dos Capeláns, en Padrón, unha rehabilitación froito da colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña, organismo que se encargará tamén de dotar de contido o inmoble. O obxectivo é dedicar o espazo a sala de exposicións e actos culturais, esperándose que acolla mostras itinerantes da institución supralocal, como premios culturais, ciclos de conferencias entre outras actividades.

Na visita estiveron presentes tanto Antonio Fernández Angueira, alcalde da vila como Valentín González Formoso presidente da Deputación. Este falou ademais dos máis de 1,3 millóns de euros que esta investirá no concello para mellorar tamén outras infraestruturas a través do Plan Único. O inmoble é unha peza máis do intento de recuperación que o Concello que está a levar adiante do patrimonio da vila e máis do seu xa moi maltratado casco histórico.

Como xa contábamos noutro artigo a Casa do Capelán forma coa casa do Coengo un conxunto de vivendas de finais do século XVIII, construídas para servir de residencia aos cóengos e ao capelán da Colexiata de Santa María de Adina. Esas casas son as que, finalmente, conseguiron pór o nome de Iria Flavia, outra vez, no mapa, entre outras cousas porque na primeira naceu o Premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela e agora alberga a fundación que leva o seu nome e o Museo do Ferrocarril, en honra ao seu avó, John Trulock, un inglés que chegou a Galicia para impulsar a primeira liña férrea.

Pode que che interese...