fbpx
Pedrafita de Friol / foto Xavier Moure

Aparece un novo posible mehir en Friol

Tempo de lectura: 3 min.

O pasado 30 de xuño, o amigo Jesús María Lorenzo Vázquez, natural da parroquia de Bra, púxose en contacto con nós para que lle botaramos unha ollada a unha posible pedrafita no concello de Friol. Uns días despois, Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata o sitio, comprobando a existencia dunha pedra chantada situada entre os montes da Ramada, na parroquia de Trasmonte, e da Pedra do Couto, na parroquia de Narla, que actuaba, e aínda actúa, como marco divisorio de ambas as dúas parroquias. Unha pedrafita é un elemento de carácter megalítico formado por unha pedra monolítica chantada verticalmente no chan. Procede o termo de orixe bretona menhir.

Na Idade Media, pedrafitas e mámoas foron utilizadas como marcos delimitadores de territorios. O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é no Parochiale Suevorum do século VII. A abundancia de pedrafitas prehistóricas debeu ser grande a xulgar pola frecuencia con que se citan en demarcacións de coutos e privilexios medievaisDebido ás ordes terminantes dos Concilios, encamiñados a destruír os cultos paganos, moitísimas pedrafitas foron derrubadas e destruídas, e moitos dos lugares onde se levantaban foron cristianizados. Canto á súa función, crese que puideran estar relacionadas con rituais de fecundación, pedras conmemorativas ou de culto, etc.

Ata non hai moito tempo, só unhas poucas se consideraban pedrafitas prehistóricas (a Pedra Alta na Lagoa de Antela, a Pedrafita de Cristal en Ribeira ou a do Carrizo en Vilalba). Nos últimos anos téñense documentado un bo número de exemplares, algúns claramente prehistóricos, moitos asociados a lendas e rituais. Malia o dito, na maioría dos casos a cronoloxía e a función que cumprían hai que tomalas con cautela, non faltando autores que, sen rigor de ningún tipo, lle atribúen, erradamente, unha antigüidade prehistórica e unhas funcións máis que extravagantes. 

Pedrafita de Friol / foto Xavier Moure

Para facermos unha idea da escaseza destes rarísimos bens patrimoniais, na provincia de Lugo non pasan de media ducia as pedrafitas consideradas como prehistóricas. Nos últimos tempos, en Galicia descubríronse algúnhas pedrafitas de fasquía prehistórica, unha en cada provincia: a Pedrafita do Casal, en Melide, localizada polos arqueólogos do Museo da Terra de Melide Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz; a Estela-pedrafita do Rebordiño, en Laza, descuberta polo investigador Bruno Rúa; outra na Estrada, documentada polos do Colectivo Capitán Gosende; e a de Pascuais, en Outeiro de Rei, dada a coñecer por nós e xa catalogada por Patrimonio.

Esta de Friol ten unhas medidas de 1,10 metros de alto na parte visible, 1,50 de longo e 0,65 de ancho. A pedra foi partida, o anaco que lle falta, cunhas medidas de 0,90 metros de alto, atópase tirado nas inmediacións, observándose que ambas as dúas pedras encaixaban á perfección. Nunha das caras contabilizamos máis de 30 coviñas de distintos tamaños. Ao pé da pedrafita hai unha gran pedra que actúa como cuña de suxección.

Non queremos facer conxecturas, pero as coviñas que presenta e que se atope no medio dos campos de mámoas da Pedra do Couto e da Purreira leva a pensar nunha posible orixe prehistórica. Xunto esta hai outra pedra chantada de 1,80 de alto que, aínda que foi cortada, apréciase claramente a súa forma cónica. As súas coordenadas son 42º 51´ 57´´ –  7º 10´ 108´´.

Xabier Moure

Pedrafita de Friol / foto Xavier Moure

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...