Así será o novo edificio da Cidade da Cultura
Contábamolo vai exactamente un mes. A Xunta investirá outros 17 millóns de euros nun novo edificio para a Cidade da Cultura. Será o edificio Fontán, que leva o nome do máis importante dos nosos xeógrafos, e que aproveitará a estrutura inacabada do Teatro da Ópera paralizado no ano 2009. O edificio, que será destinado unha vez máis a servizos administrativos, será a sede do Consorcio Interuniversitario de Galicia, a institución encargada de coordinar as tres universidades, a Axencia para a Calidade no Sistema Universitario de Galicia e o Centro de Investigación de Paisaxes Culturais.
Anunciábao o presidente do goberno galego Alberte Núñez Feijóo a comezos de xuño como unha importante solución para o problema do vello esqueleto. Mais foi no día de onte cando por fin a Fundación lanzou ós medios a imaxe do novo edificio. Foi cun vídeo colgado uns días atrás na plataforma Youtube na que se pode ver a infografía do novo proxecto. Móstranos un edificio curvado de aceiro e cristal, seguindo as liñas dos seus edificios veciños. Será o primeiro que non siga o proxecto orixinal de Peter Eisenman, e inserirase ademais en pleno corazón do conxunto, modificando dun xeito importante a imaxe do mesmo.
Así, segundo se ve na infografía, proxéctase un edificio que pretende lanzar a imaxe dunha estrutura espida, apelando ás ruínas do proxecto que se mantiveron ata o día de hoxe. O edificio, acondicionado das placas do actual, presenta unha fina capa de cristal, que o recobre por completo, e unha estrutura de aceiro curvada de tellado a xeito de parasol cuberto do que semella ser cristal e chapa. O edificio parece inserirse ademais dun xeito bastante activo no Xardín do Teatro, que se está a construír actualmente, semellando integrar edificio e elemento natural. Nada queda da pedra nin das liñas deconstruídas do deseño de Eisenman.
“Será unha infraestrutura funcional, integrada, sustentable e flexible que se construirá aproveitando a estrutura do antigo Teatro da Ópera, -un dos edificios non rematados-“, afirmaba a Fundación dende o portal. Segundo a web da Fundación o edificio “sairá a licitación na segunda metade de xullo, para comezar a construción este mesmo ano, co obxectivo de que a estrutura do edificio estea finalizada no ano 2020 e que poida comezar a funcionar no ano 2021, coincidindo co Xacobeo”. O edificio contará con 140 traballadores, 19 do Consorcio Interuniversitario, 17 da Axencia para a Calidade e 100 investigadores do Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais.

Edificio Fontán infografía / foto Fundación Cidade da Cultura