Ponte de Balboa en Borborás / foto Concello de Borborás

Borborás salvará finalmente a ponte medieval de Balboa

A ponte de Balboa, no concello ourensán de Borborás, atópase dende fai tempo nun estado moi crítico. A súa pila central, como se pode ver na imaxe, atópase nun estado moi deficiente, pois a ponte sufriu nos últimos anos importantes danos nel por mor dos golpes recibidos por diversos troncos nas enchentes do río Viñao que é o que atravesa. Mais semella que esta situación non durará moito máis tempo, pois, en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño Sil, comezará coas obras de arranxo nos próximos días.

E que a pesares de ter orzamentada xa a obra, para a que se destinarán 60.500 euros destinados polas dúas administracións, precisábanse diversos informes, ó ser un ben catalogado no PXOM. O último deles, o do control arqueolóxico, chegou nos últimos días, polo que, agora si, como anunciou o Concello, poderán comezar de certo as obras. Neste sentido o Concello de Boborás solicitou un informe do enxeñeiro especialista de pontes que calculou os danos e a situación da estruturas para valorar o risco de derrube da mesma, e a pesares da urxencia da intervención, polo momento a ponte non corre risco certo de caer.

A de Balboa é unha ponte de orixe medieval, con dous arcos posiblemente posteriores ó medievo e moi modificada. Como tantas outras en Galicia é unha ponte que aínda a día de hoxe serve para o tráfico rodado e foi ampliada, probablemente no último cuarto do século pasado, cun taboleiro de formigón. A obra prevé o arranxo da pila central, en moi mal estado para evitar males maiores, e, a pesares de que por seguridade o Concello a pechara temporalmente ó trafico, a seguridade está garantida nela ata a xa inminente intervención.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: