fbpx

Burela convertirá o seu porto nunha peza de arte

Tempo de lectura: 2 min.

Mañá día 15 pecharase o prazo para a recepción de bocexos. E é que quen queira participar nun dos proxectos máis singulares de Galicia, na que se encherá de arte urbana o peirao de Burela, poderá facelo aínda ata o día de mañá. Será este ano a primeira semana de agosto cando se celebre a segunda edición do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, que organiza o Concello de Burela. O obxectivo é converter co paso dos anos o seu porto nunha peza de arte, a través do traballo dos mellores muralistas do noroeste peninsular.

Polo de agora, e coa edición do ano pasado, xa se comezou a encher da mellor arte unha importante franxa do porto, na que ata o de agora participaron dez muralistas que encheron de imaxinación unha parte considerable do muro do espigón burelés. Este agosto unha nova xeira de dez novos artistas duplicarán o espazo decorado do porto, tintando de novo de cor de ensoñación o dique de abrigo do peirao. Os dez protagonistas serán escollidos entre quenes envíen os seus bocexos, e de entre eles, o vindeiro día 5 de agosto, declararase un gañador. Tamén haberá diversos premios para finalistas e participantes.

E que converter o muro do porto de Burela “nun lenzo xigante, nun marabilloso museo ó aire libre cuxo transfondo é o mar e todo o que significa para este concello, traballador e mariñeiro” é o que se desexa dende o Concello. Pois con estas palabras se refire José Díaz, o Concelleiro de Educación e Cultura de Burela, ó falar do concurso. E é que Amarte “é un certame de pintura mural a nivel internacional organizado pola Delegación de Cultura do Concello co fin de crear un museo de arte ó aire libre no espigón do porto de Burela”, facendo que, como afirman no programa do concurso, “dende o peirao as obras compitan co propio mar”. Ós participantes terán aloxamento, viaxe, material e seguros pagados, e optarán a premios por valor de máis de 3.500 euros.

E é que na pasada edición do concurso, os finalistas -ademais de dous artistas locais- viñeron dende Vigo ata Taramundi, pasando por Ortigueira, Narón, Viveiro, A Coruña, Lugo ou Castro de Rei. Tamén participou o artista suízo Mark Taeger. Acadou o primeiro premio Carlos Pereira Lozano, un grafiteiro de Castro de Rei residente en Lugo coa obra “Naufraxio”, un inmenso fondo mariño protagonizada por un gran peixe verdiazul. Entre as obras, redeiros, polbos, illas, naufraxios, mariñeiros, portos de mar, e unha singular representación cenital da pesca dun inmenso bonito.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...