fbpx
Campamento romano de Penedo dos Lobos, en Manzaneda / romanarmy.eu

Buscan os restos dunha unidade militar romana nun dos montes máis altos de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense) é un dos recintos militares romanos de campaña mellor conservados do noroeste peninsular e un dos máis altos de Galicia. E, agora, será escavado por un grupo de arqueólogos do colectivo de investigación romanarmy.eu, dirixido polo investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC João Fonte.

O obxectivo é estudar en detalle a morfoloxía do xacemento e o seu encaixe no proceso de conquista e control do noroeste peninsular por parte do Imperio Romano. A campaña está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e o Grupo de Investigación Síncrisis, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela e terá lugar entre o 20 e o 26 de agosto de 2018.

O recinto de Penedo dos Lobos está ubicado a 1466 metros de altura, sendo un dos campamentos romanos ubicados a maior altura no actual territorio galego. Atópase moi próximo, a 2,5 km á estación de esquí de Cabeza de Manzaneda. Conta cunha superficie de 2,34 hectáreas, o cal permite estimar que foi construído para unha unidade militar de entre 800 e 1000 soldados. Considérase un campamento de marcha, é dicir, un recinto militar construído durante o avance da columna militar, non estable e ocupado durante moi pouco tempo. A hipótese de partida é que é un recinto militar de época altoimperial (ss I a.C.-III d.C.).

Elementos excepcionais

Pero o que converte a Penedo dos Lobos nun espazo arqueolóxico privilexiado é o feito de que conserva as portas orixinais de acceso ao recinto. Estes accesos, chamados “en clavícula” polo sistema de defensa co que contaban, son propios dos recintos do exército romano. E mesmo nun caso, a porta dianteira (o acceso sur) esta porta ten unha forma inédita nos campamentos de marcha europeos.

O outro elemento excepcional é que se trata dun dos poucos campamentos romanos de marcha vinculados á conquista do norte de Hispania que está construído en pedra. Os soldados botaron man do abundante material granítico da zona para construír as defensas. Isto, xunto co illamento da zona e o seu uso unicamente gandeiro, permitiu que o campamento se atope nun estado de conservación único, e que todo o sistema defensivo sexa facilmente apreciable mesmo para público non experto, aspecto que é difícil en xacementos peor preservados. Cómpre ter en conta que estamos falando de recintos habitados unicamente durante uns días hai máis de dous mil anos.

O campamento fora descuberto por un veciño da comarca, Rubén F. Lorenzo Pérez, quen comunicou o colectivo romanarmy.eu a existencia dun recinto de alta montaña de peculiares características.

Imaxe LIDAR coa esquina suroriental do suposto campamento romano do Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros, entre Cervantes (Galicia) e Balboa (León)

O obxectivo da intervención

A intervención arqueolóxica permitirá coñecer en detalle este sitio arqueolóxico e afondar tanto na hipótese da súa cronoloxía coma nos obxectivos da súa situación, nunha zona de alta montaña. A partir da limpeza da vexetación do espazo, que levará a cabo o concello de Manzaneda, levaranse a cabo diferentes técnicas de documentación e prospección que tentarán comprender as características do sitio arqueolóxico e o seu emprazamento no territorio.

Como é habitual no colectivo romanarmy.eu, a divulgación da actividade arqueolóxica comeza desde o primeiro momento da intervención. A intervención será transmitida en directo, diariamente, a través das redes sociais, e con programas de charlas e visitas guiadas, os veciños poderán seguir en detalle a evolución da investigación e os principais resultados desta intervención no campamento romano de Penedo dos Lobos.

Unha nova visión da conquista romana do noroeste peninsular

O colectivo de investigación romanarmy.eu reúne a un conxunto de arqueólogos profesionais, investigadores e profesores universitarios das universidades de Santiago de Compostela, Oviedo, Minho (Portugal), Durham, Exeter, Edinburgo (Reino Unido) ou Leiden (Holanda) que estudan a presenza do exército romano no noroeste da península ibérica, poñendo énfase nos episodios de conquista e invasión que remataron co dominio romano efectivo de toda Hispania nos tempos do emperador Octavio Augusto.

Nos últimos anos, o colectivo está a localizar numerosos campamentos romanos, ata agora inéditos, no territorio da antiga Gallaecia, ofrecendo unha nova visión sobre a presenza das lexións romanas neste territorio. Durante moito tempo considerouse que a zona da actual Galicia ficara allea ás campañas militares da conquista romana, que se terían desenvolvido case exclusivamente en Asturias, León e Cantabria.

Hoxe, a partir das investigacións de romanarmy.eu e outros equipos de investigación, sabemos que esa actividade militar romana na zona foi moito máis intensa do considerada ata o momento.

Pode que che interese...