fbpx
Botafumeiro na catedral compostelá / fot acastro19850CC0

Cal sería o Día de Galicia de non ser o día do Apostol?

Tempo de lectura: 3 min.

“No cerne da terra”, entre as Rías Altas e as Baixas, entre a Galicia da costa e a do interior, a cidade de Santiago de Compostela áchase nese “cerne da terra” o lugar místico por excelencia da cultura galega, no corazón do país. E aquí xace o Apóstolo Santiago, quen “escolleu Galicia” para predicar, extender o Cristianismo ata os confíns do mundo, e onde escolleu ser enterrado, no cerne do noso país. E é que con estas ideas, descritas tempo despois por Otero Pedrayo, é como se consolidou a idea de celebrar o día de Galicia o 25 de xullo.

E é que foi no mes de novembro de 1919 cando, no transcurso da II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, celebrada na cidade de Santiago de Compostela, acordaríase celebrar o Día Nacional de Galicia o 25 de xullo, facendose así dende o ano seguinte. Pois esta idea nace de feito das teses do nacionalismo máis tradicionalista na que, naquel momento, personalidades como Otero Pedrayo ou Vicente Risco tiñan un peso aínda capital. Así, cun aínda grande peso da relixión cristiá nas súas teorías, acabou por consolidarse a importancia do Apóstolo na cultura galega por riba doutras formulacións.

Porén había outras teses de raíz máis aconfesional que propugnaban outras datas para a celebración do Día Nacional de Galicia. Estas teses estarían ambientadas en diversos acontecemento históricos que poderían supor un fito simbólico de importancia para a nosa cultura. A que mellor acollida tivo de elas foi a defendida por Antón Vilar Ponte, unha das figuras máis destacada do nacionalismo progresista deste momento. Para el o Día de Galicia debería celebrarse o día 17 de decembro, data que coincidiría coa decapitación do mariscal Pardo de Cela, personaxe da nosa historia medieval executado diante da catedral de Mondoñedo por mandato do Gobernador do Reino, no nome dos Reis Católicos.

Bandeira galega / foto bandeiragalega.com

Finalmente as teses de Vilar Ponte non tiveron a acollida das teses de Otero Pedrayo, e a celebración política e popular fíxose coincidir coa celebración relixiosa. Porén ata a década de 1930 o debate non foi cerrado, sobre todo por acontecementos como a ofrenda ó Apóstol feita en 1924 de Primo de Rivera. Na década de 1930 ás celebracións e manifestacións neste día fóronlle dando unanimidade, aínda que o debate non foi abandonado nunca por completo. Despois, durante o Franquismo, o día 25 de xullo foi institucionalizado como o Día del Patrón de las Españas. Finalmente o 1 de xaneiro de 1979, saía publicado no DOG un decreto que declaraba oficialmente esta festa como Día de Galicia.

O día grande noutras Comunidades

Así, antes da propia aprobación do Estatuto de Autonomía vixente, quedou institucionalizado este día simbólico como o día grande de Galicia. Ocorría do mesmo xeito que no resto das Comunidades Autónomas. O Día de Galicia é parangonable co de outras autonomías nas que, polo xeral o día celebra fitos históricos importantes ou datas clave da súa propia autonomía. En Andalucía, rexión cunha enorme tradición autonomita e un forte sentimento identitario, o Día Nacional -que tamén é habitual que se lle chame así- celébrase porén o 28 de febreiro, data do referendum sobre o proceso autónomico, aínda que antes se celebrara o 4 de decembro, data da celebración das principais manifestacións pola autonomía.

Deputados galegos en 1931. Entre outros,, dende a esquerda, Suárez Picallo Rodríguez Cadarso, Castelao, José Sánchez Rojas, Vilar Ponte e Otero Pedrayo / foto CC0PD Wikimedia

En Canarias outra das rexións con importantes movementos autonomistas o Día celébrase 30 de maio, recordando a primeira reunión do parlamento canarioEn Cataluña celébrase unha data histórica, o 11 de setembro, día coñecido como Día Nacional de Cataluña ou Diada. Nela se conmemora a caída de Barcelona, tras catorce meses de sitio, de mans das tropas borbónicas ó mando do duque de Berwick nese día de setembro de 1714. Isto implicou a abolición das instirucións catalanas e a perda da autonomía ata a recuperación por referendo en 1932 e 1979.

Euskadi porén podería ser de certo xunto a nós a única Comunidade cunha festa relixiosa como celebración nacional, o día de Pascua ou Aberri-EgunaMais non é unha celebración so relixiosa senón o día no que Luis e Sabino Arana inauguraban o nacionalismo vasco. Porén o Día do País Vasco ou Euskadiko Eguna celébrase o 25 de outubro, día da aprobación do Estatuto de Guernika e tamén o día no que, no ano de 1839, tras o Convenio de Vergara e tras a Primeira Guerra Carlista, Euskadi consegue defender polas armas os seus Fueros. Foi un día institucionalizado no ano 2010 polo único goberno non nacionalista que tivo Euskadi.

Pode que che interese...