Monte Louro e Area Maior / foto Gonzalo Quian Moreno CCBy Wikimedia

Cando o monte Louro era un refuxio Pirata

O monte Louro é un dos tres montes gardiáns da fin da terra, xunto co Pindo e San Guillerme. O monte Louro é un macizo granítico que emerxe da punta máis norocidental da ría de Muros e Noia, separándoa da Costa da Morte. É un macizo dun especial interese xeolóxico e biolóxico, situada entre as puntas de Carreiro e Lens. É un lugar de excepcional relevancia no aspecto paisaxístico, xa que forma parte dun singular conxunto natural coa praia de Area Maior e a lagoa de Xarfas. Cos seus 241 metros de altura sobre o nivel do mar convértese nunha icona importante da ría e mais do extremo máis meridional da Costa da Morte.

Sobre o monte Louro cóntanse moitas lendas, unha delas, coma en tantas outras localidades galegas, fala dunha vila completa asolagada baixo a lagoa de Xarfas. Un día de temporal o mar superou as dunas anegando a vila e os seus moradores. Por isto na noite de San Xoán emerxen da lagoa badaladas e berros dos seus veciños. Tamén as lendas falan dun tesouro agochado no alto do monte, nun grande burato coñecido como os Profundos do Monte. Este tesouro, segundo a lenda estaría custodiado por un boi que brúa nas noites de temporal.

Recreación dunha loita entre viquingos e cristiáns / forum libertas

Mais a historia do monte Louro está ligada as incursións piratas. É o monte unha atalaia natural de fácil defensa entre a Costa da Morte e as Rías Baixas, un lugar de defendibre como ningún outro na nosa costa e no mesmo pé do mar aberto. É, por isto, que durante séculos foi o gran refuxio dos piratas que chegaron a Galicia polo mar, que apoiaban as súas incursións dende esta atalaia. Durante a idade Media foron os normandos ou viquingos, así como os piratas musulmáns, quenes asediaron a nosa costa dende o norte ou dende o sur. Máis tarde, xa na Idade Moderna, serían corsarios ingleses quenes farían incursións mortais nas nosas costas.

Así, se ben de todos é coñecida a función das Torres do Oeste na defensa de Compostela fronte ás incursións na ría de Arousa, non o é tanto o papel que xogou o monte Louro. Pois, é precisamente por causa das pillaxes e polos perigos de asedio, polo que aparece citado na Historia Compostelana na época de Xelmírez. Nela se fala das incursións normandas e musulmás que asediaban as costas galegas e de como este monte, xunto con outros lugares da ría, como a xa comentada noutro artigo, Illa da Creba, eran os seus refuxios antes e despois de asediar a ría, un lugar de imposible acceso para os defensores. Quen sabe se, do mesmo xeito que relataban as lendas mariñeiras, se custodiaran nel tesouros propios das pillaxes.

Os piratas foron habituais nas costas galegas / imaxe thommas68CC0

É precisamente por isto, e por ser unha das rías de acceso a Compostela polo que no século XVI o arcebispo Alonso III de Fonseca decidiu construír un castelo no alto deste monte, que constaría, segundo as fontes de 12 ou 16 baterías. Foi no ano de 1520, e agardaba con isto defender a costa de novos ataques. Polo visto non foi suficiente, e dise que sir Francis Drake, despois da súa derrota na Coruña refuxiouse no propio monte. Tamén o fixo o pirata inglés, Harry Pay, anterior a Drake, morto no 1419 que asaltou toda a Costa da Morte queimando templos e mosteiros e roubando as súas campás para fundilas e facer canóns.

Segundo constatou o investigador e divulgador Manuel Gago no seu blog, aínda existen vestixios desta fortaleza no monte, conservándose algúns muros e diferentes socalcos do que serían outrora baluartes fortificados e armados con canóns. Mais tamén, Alén de tanta lenda, como outros montes galegos, a Igrexa Católica esforzouse por sacralizar un lugar cheo de lendas e de tradicións pagás. Así, nun dos dous cumios do monte, o que leva o seu nome atópanse aínda hoxe as ruínas da capela da Madalena, presumiblemente do século XVI, aínda que se descoñece a cronoloxía exacta. No outro dos seus cumios consérvanse os restos dunha garita recordándonos a vixilancia continua deste monte como sentinela e refuxio privilexiado da nosa costa.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: