fbpx
Torres do Oeste, en Catoira / Os Penoucos

Catoira xa ten o seu Mapa do Patrimonio sen ningún tipo de axuda oficial

Tempo de lectura: 2 min.

Despois de presentar os mapas do patrimonio de Valga, Pontecesures, Dodro e Padrón, dos que xa informamos no HdG, a Asociación Cultural Os Penoucos lanzou agora o Mapa do Patrimonio de Catoira. O proxecto colaborativo Patrimonio e Paisaxe(s) do Baixo Ulla pretende valorizar e divulgar o patrimonio cultural e natural dos concellos que forman parte dun territorio claramente recoñecible, e que se dá en chamar O Baixo Ulla.

Con este proxecto, que non conta con ningunha axuda oficial, preténdese conseguir a visualización do patrimonio cultural e natural do Baixo Ulla a través de medios dixitais, así como involucrar á poboación na concienciación para preservar este patrimonio.

O Mapa do Patrimonio de Catoira intégrase dentro dunha aplicación webmapping onde se recolle a totalidade do patrimonio cultural e natural do concello. O usuario pode navegar e desprazarse polo mapa, facer zoom, activar ou desactivar capas, así como escoller os mapas base. Ao pulsar sobre un punto, despregarase a ficha explicativa onde se describe o elemento cunha imaxe de previsualización, ademais de enlaces con acceso a información descargable e imaxes extra.

Muiños de vento do Monte de Pedras Miúdas, en Catoura / Os Penoucos

Os mapas base dispoñibles son catro, que van desde a última fotografía aérea do PNOA, ata o voo americano do 1956-57. Deste xeito pódese visualizar as diferenzas que sufriu o territorio nos últimos 60 anos.

O Mapa do Patrimonio de Catoira componse de 10 capas, que inclúen 427 elementos, repartidos do seguinte xeito:

  • Arqueoloxía (31 elementos): torres, camiños históricos, mámoas, petróglifos, castros, xacementos…

  • Arquitectura relixiosa (9 elementos): igrexas, capelas, ermidas…

  • Elementos relixiosos (34 elementos): cruceiros, cruces, cruces altas…

  • Arquitectura civil (27 elementos): casas grandes, pazos, casas reitorais, muíños de vento, estación de ferrocarril, cine, escola…

  • Obra civil (23 elementos): pombais, pontes, pontellas, palcos da música…

  • Arquitectura industrial (7 elementos): dique, peirao, chemineas, patrimonio industrial, telleira…

  • Hórreos (196 elementos): a totalidade dos hórreos do municipio.

  • Arquitectura da auga (92 elementos): muíños, fontes, lavadoiros balneario, pozos, mananciais…

  • Espazos naturais (3 elementos): lagoa, carballeira, esteiro…

  • Panorámicas (5 elementos): as panorámicas máis destacadas de Catoira.

Máis de 2.385 elementos catalogados

Nestes momentos, despois de engadir o Mapa do Patrimonio de Catoira, e incluír novos elementos nos mapas de Dodro, Padrón, Pontecesures e Valga, hai catalogados 2.385 elementos, ao que se irán sumando moitos máis, ata completar a totalidade do territorio que conforma O Baixo Ulla.

Dito todo o anterior, o aspecto máis salientable do proxecto Patrimonio e Paisaxe(s) do Baixo Ulla é a súa compoñente colaborativa. Así, calquera persoa ou entidade que o desexe, pode mandar comentarios, suxestións, textos ou fotos dos elementos xa cargados no mapa, así como solicitar a inclusión de novos puntos. As canles dispoñibles para a participación son:

Facebook: facebook.com/obaixoulla

Twitter: twitter.com/obaixoulla

Instagram: instagram.com/obaixoulla

Correo electrónico: obaixoulla@gmail.com

Pode que che interese...