fbpx
Pórtico da Gloria antes da restauración / foto OpinadorCCBy Wikimedia

Como visitar o Pórtico da Gloria

Tempo de lectura: 3 min.

O vindeiro día 27 de xullo abrirá de novo o Pórtico da Gloria para o público. Máis dunha década despois e tras a apertura oficial coa presencia de autoridades da Casa Real incuídas, será xa por fin a quenda do público en xeral. O Pórtico abrirase nun horario ininterrompido de 8.00 da mañá a 22.00 horas, horario que se manterá ata o 20 de setembro. Porén, este horario interromperase durante os actos litúrxicos, que serán dous diarios de luns a venres e catro nos sábados e domingos. A visita estará precedida pola entrega dun tríptico explicativo e un vídeo que poderá verse nun espazo habilitado baixo a torre sur.

Ademais disto haberá outro problema importante, o aforo do conxunto escultórico e a afluencia masiva que se espera para visitalo. Por isto non é posible polo de agora facer reservas para esta, senón que as visitas se farán por estrito orde de chegada e en grupos de 25 persoas, que será o aforo máximo do tramo máis occidental da catedral. O acceso estará controlado por persoal de seguridade da catedral, e farase dende as escaleiras da praza do Obradoiro. Ademais a estancia máxima no pórtico será de 15 minutos, despois dos cais haberá que abandonar o espazo. As visitas poderán interromperse tamén por causas climatolóxicas adversas que poidan afectar ó pórtico.

Mais para as persoas da cidade e de Galicia en xeral cabe a posibilidade de visitalo con máis tempo. Iso si, despois do 20 de setembro. Despois desta data, segundo se anunciaba onte, a primeira fase de visitas rematará facéndose unha avaliación do funcionamento das visitas xa que, segundo o plan de conservación, o estado do pórtico deberá ser controlado cada tres meses. Despois desta avaliación comezará unha nova fase de visitas, que, segundo informaron onte os responsables, espérase que sexan xa máis longas exhaustivas e co apoio de guías. Iso si, para aquela o pórtico xa se atopará illado do resto do templo para protexelo das obras que se farán no interior deste.

Unha das claves da cripta do Pórtico da Gloria / foto P. Lameiro CCBY Wikimedia

Un exhaustivo programa iconográfico de tres andares

Mais compre destacar dúas dimensións máis, xa que o pórtico non é plano. E é que o Pórtico da Gloria é a magnífica obra dirixida polo Mestre Mateo entre o ano 1168 e o ano 1211, singular obra de transición entre o románico e o gótico, do que, segundo a inscrición que figura nel no ano 1188 colocaríanse os linteis do pórtico. O que fai desta obra tan singular é que, a diferencia doutras portadas románicas, o pórtico funciona en tres dimensións. A obra estaba pensada para que quen o visitara puidera apreciar as olladas dos santos mentres se aproximaba dende o Obradoiro. Unha vez dentro o visitante do primeiro tramo da catedral ficaba rodeado por completo nun programa iconográfico en todas as súas caras.

Mais tamén nos seus tres andares. Porque o pórtico non é so unha portada. É un completo e complexo programa iconográfico que se continúa na cripta e máis na tribuna. Unha estrutura tripartita entre a terra, coas figuras do sol e da lúa nas claves, na cripta; o xuízo, ou máis ben a preparación para o xuízo, no pórtico; e a gloria co Año de Deus observando toda a catedral a través do rosetón interno dende a clave da tribuna. Os outros dous andares do pórtico poden visitarse coas súas respectivas entradas ó museo e a tribuna. Segundo a web da propia catedral pódense visitar todos os días ata outubro, de 9 a 20 horas.

A catedral dende a tribuna, o lugar no que se atopa a clave co Año de Deus que completa o programa iconográfico do pórtico / foto catedaldesantiago.es

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...