fbpx
Manuel Antelo, Alcalde de Vimianzo / foto HdG

Manuel Antelo Pazos, “Reivindicar, berrar ´lume!´ á xustiza inxusta, demostra que a nosa é moito máis que unha proposta lúdica”

Tempo de lectura: 4 min.

Falando coa guía do castelo sobre a festa, cóntanos que moita xente pensa que é unha representación. Ó longo da semana que duroo ó Asalto ó Cas houbo varias recreacións da historia do Vimianzo medieval. Mais, na noite do sábado, o Asalto non quere ser en si un acto de mimetismo nin de representación histórica. Porque non se trata de recrear nin de revivir, senón que o acto central do Asalto ó Castelo é un acto de liberdade e de reivindicación contemporánea.

Así o entendeu a organización dende os seus comezos. Reivindicar o papel da muller na sociedade contemporánea, reivindicar os asaltos festivos contra as inxustizas, reivindicar os dereitos sociais… do mesmo xeito que os Irmandiños alzáronse polas armas contra os seus señores. Reivindicar dende a primeira persoa o papel público, plural e activo da cidadanía perante a nosa historia e os nosos monumentos. Falamos con Manuel Antelo Pazos, o alcalde desta vila no corazón da Costa da Morte, e ó longo da entrevista nos desvela esta mesma idea, o segredo do éxito da festa.

Cal cres que é a clave para entender o Asalto?

A clave para entender o asalto é, en primeiro lugar, a participación tan maioritaria do pobo e a vinculación coa festa en si, que é en certo modo popular no sentido de que a xente a vive como propia. Despois está o carácter cultural, porque ten un compoñente tremendo de cultura e de patrimonio, porque estamos falando dun patrimonio histórico que é o verdadeiro xerme da festa. E despois naturalmente a posibilidade de funcionar para todo tipo de público, para xente máis nova e xente maior, ver as familias dende o avó ata o neto participando e estando na festa, a xente vestida de época, ese é o gran éxito da festa.

Como valorarías a edición deste ano?

Pois dende logo moi exitosa no sentido de participación, de xente de Vimianzo e de xente de fora. A xente disfrutou das dramatizacións e dos diferentes tipos de eventos que temos. Por exemplo, na Cea Medieval houbo máis de 500 persoas entre comensais e voluntarios. Tamén os Pinchos Irmandiños pois dende o martes Vimianzo estivo vivindo seráns cheos de música e de ambiente. Entendo que a festa está definitivamente consolidada como proposta. E agora trátase de ila renovando.

Este ano foi o tema da igualdade entre homes e mulleres, o pregón foi dado por Pala de Area, o marabilloso grupo de teatro que tivo a valente idea de representar sobre o escenario o primeiro matrimonio lésbico a comezos do século pasado entre Elisa e Marcela, que nos tocou vivir moi de preto, porque deron clase aquí en Calo, preto de Dumbría. E iso nos permite ir polos escenarios promovendo esa obra, e máis que Vimianzo é un concello pequeno pero no que estamos traballando para construír un futuro. E nese sentido estamos moi satisfeitos de que se vexa que existimos e que na Costa da Morte temos propostas, estamos construíndo a nosa identidade noso futuro, con propostas cheas de sentidos cultural e de participación.

Semella que este ano tivo un carácter máis festivo o Asalto, con máis bailes, máis alegría…

Non. Sempre foi así. Polo menos nos últimos anos. A xente di “a que hora é o asalto”, pero o asalto é outra cousa, é a preparación previa, e a preparación que hai antes e durante a semana, as charlas, os Pinchos Irmandiños, a xente nova tocando música tradicional… Moita música, moita cultura, moito reivindicar, berrar “lume!” contra o machismo, con moita reivindicación, contra a xustiza inxusta, iso demostra que é moito máis que un proxecto lúdico.

E, por outra banda, o Festival musical moi reivindicativo, que é o propio, a través da música tradicional, das escolas municipais de Vimianzo e doutros grupos que veñen de fora, de bailes tradicionais… E a través do cartel do festival,  no que sempre se trata de que haxa un grupo representativo de Galicia, aínda que non nos queiramos pechar a outros espazos de encontro, de mistura cultural. E tamén pensados para gozar. Este ano trouxemos un grupo que é Inmaculate Fools, un grupo fantástico de finais dos oitenta e que é un luxo escoitar. Amparanoia, un grupo máis do contexto global, do feminismo e contra a opresión. E despois tamén un grupo de aquí Terbutalina. E como non, no comezo, un grupo de belgas que cantan en galego, con moitísimo compromiso, vido de Bélxica, un lugar no que enchen os teatros, cunha coreografía marabillosa, fillas de emigrantes levando a nosa cultura polo mundo, e que ten ese nome marabilloso que é Ialma.

Nos últimos anos dende o Concello estades facendo unha labor  bastante importante de rehabilitación e de divulgación no tocante o patrimonio cultural… Como ves o futuro da Costa da Morte en Xeral e de Vimianzo en concreto?

Eu creo que para estar en política hai que ser optimista, un pesimista non debe participar en política, porque é ter un sesgo que non lle permite ter proxectos de futuro. Temos moitas potencialidades a moitos niveles, temos que botar man do que nos diferencia, ben sexa no interior ou na costa, e co patrimonio histórico, coa cultura é unha das liñas principais coas que traballar con proxectos de futuro. Vou poñer un exemplo. A prolongación do Camiño de Santiago que cando se iniciou ninguén cría nel, pero que en estes momentos está contribuíndo a dinamizar a economía de moitos municipios da Costa da Morte. Outra cousa é que se cadra o modelo non se pode improvisar. Pero trátase tamén de ver como somos capaces de aprender dos erros.

Pode que che interese...