fbpx
A cabeza de Orfeo. 1953. Manuel Colmeiro Guimarás. Cedida amablemente pola Galería Montenegro (Vigo).

Manuel Colmeiro: raíces sempre en vangarda. II

Tempo de lectura: 8 min.
A cabeza de Orfeo. 1953. Manuel Colmeiro Guimarás. Cedida amablemente pola Galería Montenegro (Vigo).

Como te digo leí rápidamente ayer mismo por la noche, pues te imaginarás cuantos recuerdos esta revista (Presencia de Galicia) me trae, sobre todo esperanzas de que nuevamente se publica un cuaderno -yo espero que seguirá apareciendo regularmente- de cultura gallega, y lo de cultura gallega como tú comprenderás no lo digo porque se escriba en gallego -y ya es mucho-  sino porque se piensa en gallego y se expresa en gallego lo relacionado con nuestra cultura, o si tu quieres la cultura solamente, sin anteponer para mayor claridad nuestra, que para el caso es lo mismo pues siempre tendrá validez universal, tal vez más aún, si se piensa y se expone como “nuestra”, y se proyecta con sentido universal, no universalista, claro está que es una expresión incolora de confusión más que de precisión, y justamente sin validez universal.

Carta de Manuel Colmeiro Guimarás a Francisco Fernández del Riego. París, 19 de Maio de 1951. Fundación Penzol (Vigo).

En Orfeo Colmeiro non recreou as cores azuis omnipresentes, o duro, reseco, abrupto das illas helénicas. Sendo un tema grego, podería ter plasmado o verde das hortas de oliveiras, os pedregosos camiños e a terra empapada polo Sol. Sen embargo plasmou o fero e ingrávido do clima galego. Unha estética definida pola dispersión da luminosidade que produce unha radiación das cores. O ollo de Colmeiro captou este fenómeno visual. Pero neste artista isto toma o cariz dunha reflexión. Nas entrevistas que se publicaron en Inquérito a los pintores, do libro Pintura actual en Galicia (1951, Colección Grial, Galaxia), Colmeiro respondeu a cuestións moi interesantes. A pregunta de se a súa obra, ademais do acento persoal, tiña algún carácter galego respondeu: “Creo que el acento personal va unido con el carácter gallego”.

Carballeira, arredor do Canon do río Sil (Ourense). 2014. © Iria-Friné Rivera Vázquez.

-¿En qué elementos reside esta significación?

-Reside en el clima, el paisaje y su luz, sus gentes que deciden profundamente la personalidad del artista.

-¿Es incompatible la universalidad de una obra artística con su filiación a un país y a una época determinada?

Esta derradeira pregunta recibiu unha resposta similar nos artistas entrevistados, pertenceran ou non aos Renovadores:  “Non. Todo o contrario” (Laxeiro), “Nunca fue incompatible la universalidad de la obra artística con su filiación a un país” (Luis Seoane), “La obra artística tiene un valor intrínseco, y como tal, la veo; muy por encima de cualquier otra relación” (Manuel Pesqueira), “Opino que todo fenómeno que se llame artístico ha de ser fiel a su espacio y a su tiempo” (Isaac Díaz Pardo), “Todo lo contrario. Si el arte es un fenómeno vivo, será tanto más universal cuanto más se acuse esta circunstancia” (Manuel Prego de Oliver), “La universalidad de una obra de arte no depende de su semejanza con la vulgaridad general, sino de su jerarquía absoluta y de su originalidad en el recinto cerrado de una cultura o de un pueblo” (Manuel Torres).

Luís Seoane traballando nunha figura inspirada nas pezas artesás de San Andrés de Teixido no seu estudio do Castro de Samoedo (Sada). 1963. Por cortesía de Xosé Díaz.

Orfeo

O cadro Orfeo é unha imaxe poética na que predominan as liñas onduladas e curvas moi definidas. A forma do rostro de Orfeo é como un ovalo de fronte ancha; ten os ollos en forma de améndoa, o nariz recto e os finos beizos abertos. A cabeza flota ladeada na lira, ambas en primeiro plano, mentres voan arredor delas follas levadas polo vento. O río aparece en movemento, deixando intuír na transparencia da auga o instrumento e o pescozo do músico. Tanto a cabeza como a lira son moi estilizadas, e as árbores están plasmadas partindo a altura da lira. Isto produce unha impresión de fluidez, sempre exercendo un efecto ascendente. A nivel cromático a paleta de cores non son brancos e negros absolutos; segue toda unha gama posible de negros, e o mesmo para os brancos, que son prateados, tons trigá e translúcidos. Tamén aplícanse o amarelo cítrico e o verde pálido. No medio destes tons, todo grises.

Isaac Díaz Pardo no seu estudio do Castro de Samoedo (Sada). 1947. Colección privada: cedida amablemente por Xosé Díaz.

Colmeiro sempre preocupouse moito de que a figura se integrara plenamente na paisaxe. Camiñaba polas fragas e as campías, tomaba bocexos do que observa e logo, quedaba contemplando e absorbendo o entorno que tiña arredor de seu. Tras abstraerse na Natureza dúas ou tres horas, marchaba para a súa casa tendo o visto como unha parte de si mesmo. A idea de que a figura formara parte da paisaxe, como el mesmo expresara, xa fora pensada por pintores franceses como André Lothe, quen escribira o Tratado sobre a paisaxe (1939)  no que falaba sobre a incorporación da figura no ambiente natural. Colmeiro era un observador intuitivo, analítico e creativo. Estudaba todo canto o rodeaba, vía o seu potencial e as súas posibilidades aínda sen descubrir. Para el tal feito facía da realidade unha fonte de inspiración dun ambiente extraordinario.

O feito de afondar na Natureza conduciu a Colmeiro a Abstracción. O fixo comprender que as lene neboeiras, a ingravidez dos orballos, a mera cinza, afumada, todo o vago, fino, luído, tiña un valor táctil. Producían unha estética que Colmeiro logo viu nos movementos como o Cubismo e a Abstracción, das que leu e aprendeu. Colmeiro xa traballara na paisaxe abstracta entre 1930 e 1932. Era un camiño que percorreu toda a súa carreira artística. Un estilo que chegou a provocar perplexidade polas súas raíces, como nunha das súas mostras en París na que un crítico de Arte non podía crer que as obras de Colmeiro foran concibidas na súa casa en San Fiz de Margaride. El estaba convencido de que o artista tiña que saber do que estaba a facerse en París entón. Colmeiro non lle quitou a razón, so matizouna: en efecto el estaba informado, pero de outra maneira ao habitual.

Bosque ribeira da Illa do río Mera (Comarca do Ortegal). 2017. © Iria-Friné Rivera Vázquez.

Ao estudar atentamente o rostro de Orfeo, pode observarse unha construción xeométrica da cabeza. A razón pola que resulta ao mesmo tempo sólida e lixeira, débese a que mostra unha sintetización formal na que móstrase as propiedades da materia. Existe a forma xeométrica, pero non é a fragmentación do Cubismo. É unha figuración que estaba igualmente presente en moitos dos pintores de Vangarda activos neses anos.  Mais ao mesmo tempo esta esquematización formal está axustada pola composición. Trátase dunha pintura na que existe unha organización nítida, perceptible, despexada e harmoniosa, algo que Colmeiro comezara a incluír nos seus lenzos ao chegar a París no 50. E nela a expresividade da cor non está reducida pola liña e o debuxo, senón liberada mostrando tódalas súas gradacións. É posible notar o rigor mortal no rostro, a axitación da corrente da auga, o agostar das follas e o impulso do aire en movemento. En Orfeo a esquematización está pensada segundo o concepto da composición, e esta a vez, pola relevancia da paleta cromática.

Un senso mitolóxico

A calidade das pinceladas visibles e superpostas é algo de gran importancia para Colmeiro. Trátase dun elemento plástico que admiraba en artistas como Rembrandt, pola súa forma de aplicar unha pincelada descomposta para a proxección da materia física e da luz. En toda a pintura colmeirense poden notarse influencias moi diversas. O ultramoderno As tres Grazas (1941) ten a abstracción do seu admirado Matisse. (Colmeiro chegaría a enviarlle unha postal, conservada na Fundación Penzol, a Fernández del Riego con data do 30 de Outubro de 1949 coa reprodución dun bodegón de Matisse pintado en 1928).  Mulleres e o mar (1947-1950) ten o espazo e a orde concibida por Derain. O atmosférico Paisaxe con figura (1949-1950) o senso ambiental de Leonardo Da Vinci e Velázquez. Nos seus vermellos, como en Floreiros (1953-1960), vese a man de Tiziano. I en Recuncho de estudio (1959) os dourados reflectidos levan o selo de Rembrandt. (Estas pinturas están actualmente expostas en A nova colección. Colmeiro, mostra aberta ata o 30 de Setembro na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego en Vigo).

Ondas do río nas Fragas do Eume. 2016. © Iria-Friné Rivera Vázquez.

A calidade pictórica de Colmeiro tornou a atención de artistas galegos como Seoane. En Pregón de las Artes. La pintura mural de Manuel Colmeiro, publicado en La Noche o 5 de Novembro de 1949, xa Seoane admiraba que a súa pintura resultara acougada, vitalista, diáfana “y profundamente humana, penetra sin gestos en nosotros”. Tamén percibe a influencia da arte grega en Colmeiro, concretamente a pertencente ao século VI a. C. En Orfeo pódese ver parte desa marca. O rostro do músico é unha recreación do aspecto dos kouroi arcaicos, en especial na forma dos ollos amendoados. Tamén no rostro que trata de expresar unha forma de vida, e aínda mais que de vida, dunha magnífica euforia. Algo delicado na maneira de ladear a cabeza, desprende unha graza e unha dignidade que acompañan ao canto do artista.

Na cerna da creatividade de Colmeiro, Rafael Dieste escribiu na editorial de Nova Galiza o 1 de Febreiro de 1938 unha análise premonitoria de que este artista tiña un “senso mitolóxico, no que o mundo revélase a un tempo manso como una pomba i en ausoluto poderoso como un ollar de Zeus tranquío -segundo se ve nas fragas, ceos e viventes fantasías de Colmeiro-”. A madurez non estancou ao pintor, nin tampouco o xenio inherente da súa obra, senón que se potenciou alcanzando un maior nivel de sensibilidade, de pouso e sutileza. Décadas mais adiante veríase este mesmo carácter nas verbas que Pierre Gascar, en 1970 con motivo da exposición Colmeiro.

Manuel Colmeiro. 1977. Retrato fotográfico tomado por Xosé Díaz. Reproducida co permiso de Xosé Díaz.

Pintures na Galerie Camille Renault no Boulevard Haussmann en París, apuntou no folleto desta mostra: “L´humanité de la peinture de Colmeiro m´inspire ces lignes. Il ne se borne pas à restituer la lumière de la Galice, ses paysages, ses scènes de la vie quotidienne; il en fait une leçon de paix, une sorte d´acte de foi. Sous ces laveuses à la fontaine, on lit: Galice (…) Dans ce pays aux contrastes violents qu´est l ´Espagne, la Galice représente l´équilibre. La lumière et les ombres n´y sont jamais heurtées. Ici, ce n´est plus le langage de la passion que parle le paysage, comme en Castille ou dans le sud, mais celui de la sagesse, de la sérénité”.   

Os coriscados das nosas montañas (Comarca do Ortegal). 2017. © Iria-Friné Rivera Vázquez.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...