María Armesto ó pé do cartel da XXXV Mostra / foto HdG

María Armesto: “o humor está para contar realidades que ditas doutra maneira igual serían difíciles de soportar”

María Armesto é Directora Artística da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, e dende finais da década de 1990 forma parte da organización. Nas súas redes defínese como Dramaturga, Directora e Feminista. Abordámola despois dunha das obras en plena rúa de Cangas, non so atende o noso medio de xeito máis que amable senón que comprobamos tamén que vive a mostra dun xeito implicado e en primeira persoa.

Como valorarías a edición deste ano?

Como unha edición moi plural, que é o que intentamos sempre, que haxa espectáculos dirixidos a públicos máis diversos, a públicos máis novos, a públicos máis clásicos, incluídos tema de música ou danza, son opcións que tomamos, e as valoro moi positivamente porque houbo un resultado positivo de acollida por parte do público. É un pouco a liña tamén que tratamos de traballar, tratar de non so de facer humor branco ou humor negro, que haxa un pouco comedia contemporánea, como foi A Leituga ou Loutkovistě que fan un humor máis branco, pícaro con maxia ou Pepa Plana que tamén e humor branco ou outras propostas diferentes, o obxectivo é misturar un pouco os tipos de humores e públicos, e que haxa oco para todos eles.

É o que puidemos ver, hai un pouco para todos os públicos, dende propostas máis tradicionais coma a do CDG ata outras máis arriscadas ou rompedoras…

Neste caso o CDG foi arriscada porque é unha versión de Valle Inclán, levada a día de hoxe. O esperpento está hoxe na televisión e na xente que vai exhibirse alí, así que é unha aposta un pouco distinta. Non deixa de ser comedia. É unha traxicomedia de aldea, como diría Valle Inclán, non é so comedia, é drama. Mais tamén hai outro tipo de espectáculos, e hai propostas para diferentes de públicos, porque o que temos que tentar e que haxa excelencia, como esta que vimos de ver agora [Os segredos de Mr. Stromboli] na que en realidade hai moitísimo traballo e moitísimo oficio.

Como cres que cambiou a mostra dende que comezou vai 35 anos?

Bueno, eu non estaba vai 35 anos, pero moito porque cando empezou foi unha iniciativa dun grupo de mestres Quique Arguindei, Xosé Manuel Pazos, que hoxe é o alcalde de Cangas, Silda Alfaro, empezaron un pouco coa idea e decidiron nun momento determinado recoller ese espírito que xa tiña Cangas de facer moito carnaval, de vivir coas portas abertas da casa. O principio facíase en cines, despois fecharon os cines e o fixemos en carpas, e na rúa un ano que non había carpas. De feito Cangas foi a primeira vila de Galicia en pedir o auditorio en saír a manifestarse por el. Cambiou seguramente máis Cangas que a mostra polo menos no urbano e se cadra na xente. E seguimos a traballar na rúa, porque a xente ten que saber tamén que o teatro non é un arte do século pasado senón un xeito de transmitir, ves que cada vez que estamos na rúa o público tamén responde tamén entende.

Expresar e transmitir co humorismo. O humor é unha forma de expresar, de transitir moi complexa…

Si, case sempre os grandes cómicos son grandes actores dramáticos, pero ó revés non ten por que suceder. A comedia é unha forma de comunicar importante, escribir humor ben tampouco é sinxelo. Creo que é un bo texto de humor é moi complexo. E eu penso que o humor axuda porque dende sempre, dende os gregos, dende Aristóteles, a comedia está. As veces semella que é un xénero desprestixiado mais a comedia serviu sempre ós grandes escritores, a Shakespeare, a Moliere, ós grandes clásicos, para contar realidades que ditas en directo doutra maneira igual son difíciles de soportar. A min o humor salvoume na vida de mil cousas, o humor ben levado intelixente axuda a sobrelevar a vida. Eu penso que ata é curativo.

Despois de 35 edicións, cal pensas que é o impacto que ten a Mostra tanto no ámbito do teatro como no humorismo en Galicia?

O que pasa que non hai moitos festivais de humor en Europa e non os hai en España. Acaba de abrir Buenafuente o Singlot fai catro anos e nós fixemos un irmanamento antes de onte e un manifesto conxunto. O noso ten un gran impacto porque sinxelamente non os hai. E a nosa é unha mostra moi en consonancia coa xente desta vila, moi de vivir de cara a rúa, moi do carnaval, unha mostra moi contemporánea no sentido de que está no presente, dun humor de hoxe en día. E eu creo que este pobo o entende moi ben. Ademais o humor da nosa mostra esta moi no presente. Hai momentos nos que semella que o humor está na mira de xuízes. Hai chistes que se podían facer no Franquismo non se poden facer hoxe. Estamos un pouco nesa liña do humor a morte, do humor como defensa.

Neste sentido dos problemas que está habendo en España coa liberdade de expresión, co humor, como ves o panorama o humorismo en España e máis en Galicia?

Os humoristas e os cómicos en realidade están respondendo moi ben. En todos estes tempos escuros que estivemos pasando o humor seguiu estando no centro. E eu de pronto prefiro ver a cómicos que, coa súa expresión coa súa forma de transmitir, me contan mellor a realidade que algúns xornalistas. O humor está servindo para ser politicamente incorrectos que o que ten que facer. Tamén para explicar a realidade. No Singlot era parte do manifesto, pois para isto nos vale, é un arma coa que nos dotamos a xente. É coller unha idea que ten que ver co momento no que vivimos ou incluso situala noutro tempo e levala a onde o público chega. O público é intelixente, sabe ver, o pilla a primeira e responde, e cada un ten o seu humor pero en xeral co humor o público responde.

Na mostra a muller, o feminismo xoga un papel moi importante, como ves o futuro e o papel que ocupa na nela? 

Forma parte dunha realidade que está aí, na que, por exemplo, a mostra un ano a dirixiu Casilda Alfaro, unha actriz fundadora, e despois durante de 16 anos “Che” Mariño. Eu que son directora artística, despois hai un coordinador que é Salvador del Río que coordina a outro nivel. Pero creo que é algo que xurdiu de xeito orgánico, que fóramos varias as mulleres implicadas e isto fai que a sensibilidade co tema xurdira. Non pensábamos en feminismo, eu son feminista dende pequena, pero simplemente creamos un espazo no que as mulleres xa están e están tomando decisión. Eu entrei en 1998 e propuxen xa dende o primeiro momento que fora unha mostra paritaria, e aínda que sempre hai reticencias, as cousas acabaron por funcionar. Comezaron as xornadas de Mulleres en Acción, se empezaron a traer mulleres, pero hoxe é moito máis fácil, hoxe hai moitas máis producións de mulleres que son verdadeiramente de excelencia.

Mais, aínda así non debe ser sinxelo…

Case sempre é complicado, agora hai produtoras que apostan polas mulleres. Pero incluso dende un punto de vista interesado, as produtoras de televisión ou de teatro estanse por fin a dar conta de que as mulleres son as grandes consumidoras da arte, ven que hai un un público obxectivo ó que dirixirse, aínda que so sexa por rendabilizalo, por sacar diñeiro. E o contexto cambiou si, porque hai máis proxectos, hai máis mulleres traballando, máis directoras e é moi importante que as haxa porque así hai un punto de vista diferente, hai máis mulleres no escenario. Hai datos moi tristes como que a penas hai personaxes femininos nos textos contemporáneos do teatro. Os personaxes femininos están o servizo do amor ou da maternidade, pero non personaxes reais coma ti ou coma min, eu non me vexo reflectida. Pero mellorou moito a cousa e eu sempre son optimista, hai que axudar a que haxa producións e premios, e que cada vez sexa máis fácil.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: