A estatua de Franco a Cabalo no centro de Ferrol visionesdeferrolterra.blogspot.com

O memorial dos mil represaliados do Franquismo en Ferrol vai tomando forma

“En xullo do 1936 importantes seccións do Exército español erguéronse en armas contra da legalidade republicana, desencadeando unha fatal guerra de tres anos”. A represión foi brutal e “foi o medio principal para acadar un Nuevo Estado asentado de maneira permanente nunha represión metódica e implacable, un réxime que nunca se someteu a ningún control democrático. Aquel tempo cruel durou ata 1976″, como afirman dende o Concello, catro décadas completas.

É por isto que o Pleno municipal de Ferrol aprobou o 29 de setembro do 2017, sen ningún voto en contra, e tan so coa abstención do Partido Popular, a construción dun memorial que recolla a lista de vítimas do Franquismo nas comarcas de Eume Ferrolterra e Ortegal. O memorial estará localizado ó pé das tapias do cemiterio de Canido, onde Xaime Quintanilla, alcalde republicano de Ferrol, foi fusilado o 18 de agosto de 1936 e tomará como centro de referencia Ferrol como lugar onde a represión mortal foi cuantitativamente máis elevada.

Artilleiros franquistas agardando para ocupar Ferrol o 20 de xullo de 1936

A nómina de vítimas foi elaborada polos Doutores en Historia Bernardo Máiz Vázquez e Xosé Manuel Suárez dous dos maiores especialistas do período, e que identificaron ata o mes de xullo un total de 984 represaliados nas tres comarcas. Para isto os profesores Máiz e Suárez, tiveron que facer un inxente estudo e análise dos sumarios dos consellos de guerra que produciu a represión así como a investigación en rexistros civís e parroquiais. O resultado foi unha moi fiable e completa base de datos de persoas represaliadas con nomes, datas, lugares. O proxecto estará financiado pola Mancomunidade, á Deputación e os 21 concellos da área estudada.

“Podemos adiantar que de Ortegal ó Eume o número de vítimas de fusilamentos e de paseos entre 1936 e 1939 supera con moito ás oitocentas. Tristemente, a represión continuou durante toda a Ditadura e aínda sobrepasou á morte do ditador, de xeito que a cifra total de persoas asasinadas ata 1976 achegase ás mil”, sinálase dende o Concello. Con este “memorial, renderemos homenaxe perdurable ás mulleres e homes que entre 1936 e 1976 deron a súa vida na defensa da democracia e a igualdade”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: