fbpx
Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco

Os Franco afirman ter mercado as esculturas do Mestre Mateo nun anticuario

Tempo de lectura: < 1 min.

A batalla polas esculturas de Isaac e Abraham usurpadas pola familia Franco ó Concello de Santiago semella non ter un desenlace tan claro como a toda a cidadanía lle gustaría. Pois nos pasados días, e tal como informaba no día de hoxe El Correo Gallego, a través de Europa Press, os representantes legais dos sete netos do ditador darán a guerra por manter nas súas mans estas dúas pezas do patrimonio espoliado durante a ditadura. E é que nos pasados días achegaron un escrito de máis de medio centenar de folios, no Xulgado de primeira instancia n.41 de Madrid, que leva o caso, declarando que a demanda presentada polo Concello non son máis que “arengas políticas intranscendentes”.

Os herdeiros, representados polo despacho de avogados Milans del Bosch, afirman que as esculturas foron “adquiridas” polo “matrimonio” a un “particular, a través de un anticuario” e que o Concello de Santiago nunca acreditou que as chegara a ter na súa posesión nin que estiveran presentes en ningún espazo público ou dependencia do Concello. Afirman que a demanda por parte do Concello de Santiago son “mesquiñas afirmacións” e que de ter acontecido tal e como demanda o Concello “o señor Francisco Franco non o houbera consentido en xeito algún”, sendo para eles unha mentira “dunha mesquindade atroz”.

Pode que che interese...