fbpx
Muíño da Seca, Cambados / foto visitasalnes.com

Os tres muíños de maré que debes visitar este verán

Tempo de lectura: 3 min.

Parte da identidade de Galicia está no Atlántico, no océano que nos fixo ser por séculos a fin da terra, unha das masas de auga máis grandes do mundo suxeitas ó ir e vir das forzas gravitacionais da Lúa. Estas inmensas mareas, dous veces por día, moven gran cantidade de auga. A cultura tradicional de Galicia soubo á perfección que esta forza natural podía ser sen dúbida unha importante fonte de enerxía. Pois, se a forza dos ríos e do vento foron aproveitadas por todo o territorio de Galicia, a forza das mareas tamén serviu para axudar a alimentar a moitas vilas mariñeiras.

Mais os muíños de maré non son moi diferentes dos muíños de río. Constan dun edificio no que se colocan os mecanismos para moer o grao, cun andar inferior con canles para que pase a auga. Esta move un rodicio que transmite o movemento a unha roda de moer viradeira que xira sobre outra fixa. Mais os muíños de maré teñen unha particularidade, a necesidade de apresar a auga na subida da marea. Para isto teñen un gran muro con comportas de madeira, que se abren cando a marea sobe, e se pechan cando baixa. Cando a marea está baixa deixase pasar a auga para mover o rodicio.

E é que as características principais para que poidan instalarse muíños de maré é que haxa mareas importantes e que exista un territorio suficientemente recortado para poder encorar a auga. Galicia cumpre amplamente ambas características e, dende o século XVI no que se documenta o primeiro, as nosas rías deberon contar con bastantes exemplos. Consérvanse aínda en Galicia algúns importantes muíños de maré, porén poucos os que a día de hoxe foron rehabilitados ou que se conserven en bo estado. Hai muíños de maré en Corcubión, en Neda, en Vimianzo, en Cabanas, en Ortigueira ou en Culleredo. Mais tres son sen dúbida os de maior sona, o das Mareas en Muros, o da Seca en Cambados e o das Aceñas na Illa de Arousa.

De entre os tres o que se atopa en mellor estado é o muíño das Mareas ou po Pozo do Cochón de Muros Trátase dun muíño construído no primeiro cuarto do século XIX e que foi rehabilitado en 1990 baixo o proxecto do arquitecto Jesús Anaya Díaz, por iniciativa do propio Concello. Non so é un dos muíños máis importantes de Galicia senón tamén da Península, pois é un dos máis grandes que se conservan. Ten unha planta loxuntudinal especialmente longa, que diferenciaría a parte de muíños e a parte de almacén. Atópase á entrada da vila e está rodeado por un interesante parque urbano.

Muíño das Mareas en Muros / foto Turismo de Galicia

O muíño da Seca ou de Corvillón de Cambados atópase nun pequeno esteiro ó pé do porto de Tragove. Está rehabilitado e é o único que continúa en activo en Galicia. Foi construído segundo os investigadores no ano 1622 e consta dunha presa de 50 metros. Pode moer ata 200 kg por moa nas dúas quendas da marea. Pertenceu ata o século XIX ós vizcondes de Fefiñáns, quenes suponse que o erguerían no século XVII. Nos anos 70 deixou de funcionar e en 2002, foi recuperado polo Concello de Cambados. Pódese visitar con cita previa.

Muíño da Seca, Cambados / foto visitasalnes.com

Pola súa banda o muíño das Aceñas, na Illa de Arousa, está localizada na Ensenada Brava no oeste da illa, e en ocasións para desapercibido. Atópase ó pé dun dos camiños que percorre o Parque Natural de Carreirón. Consta de tres rodas, unha para moer exclusivamente trigo e dúas para moer millo. O muíño cítase por primeira vez nun documento de 1681, pero hai citas anteriores ó topónimo en 1609, co que podería ser un dos máis antigos de Galicia.

Muíño da Aceña, Illa de Arousa / foto Wikimedia

Pode que che interese...