fbpx
Situación de varios bens patrioniais abandonados no Outeiro Codeso, en Barro / A Forneiriña

Penosa situación de cruceiros, castros e petróglifos abandonados polas administracións en Barro

Tempo de lectura: 2 min.

Situación de abandono do Castro Loureiro, en Barro / A Forneiriña

O Colectivo na Defensa do Patrimonio “A Forneiriña”  e o Colectivo pola defensa do territorio “ANOVA TERRA” veñen de presentar unha queixa ante o Valedor do pobo pola situación de abandono e risco para, polo menos, os seguintes elementos do patrimonio cultural de Barro: cruceiro de Faxil, que leva máis de dous anos torcido; petróglifos de Castro Loureiro situados no monte veciñal da parroquia de Portela; petróglifos de Outeiro Codeso e Pedra Mirtada situados no monte veciñal da parroquia de Perdecanai. Os petróglifos atópanse rodeados e acubillados pola maleza que impide a súa visión e supoñendo unha ameaza para a súa integridade en caso de incendios.

Ambos colectivos presentaron varias denuncias ante as administracións competentes poñendo en evidencia o desleixo polo patrimonio arqueolóxico deste concello. Nas denuncias recóllese o estado de abandono de conxuntos de petróglifos, plantacións de eucaliptos no entorno dos mesmos e un cruceiro inclinado.

Entre as administracións ás que se lles presentou denuncia están a Consellería de Cultura, (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Xefatura Territorial en Pontevedra)  a Consellería de Medio Rural (xa que a parcela onde se atopa o cruceiro inclinado e abandonado pertence a unha masa común resultante dunha concentración parcelaria, e a por unha plantación de eucaliptos no entorno dos petróglifos de Castro Loureiro).

Sen resposta

Ningún dos colectivos denunciantes obtivo resposta ás denuncias presentadas e por ese mesmo motivo é polo que se presenta escrito ao Valedor do Pobo.

Sendo nos propios concellos nos que recae a obriga de salvagardar o patrimonio cultural que radiquen no seu termo municipal, sabendo que os bens declarados de interese cultural gozarán da máxima protección e exercendo o noso deber como cidadáns de poñer en coñecemento da Administración competente os danos ou perigos dos bens de patrimonio cultural facemos pública a nosa denuncia ante o abandono e falta de interese do Concello de Barro polos seus bens arqueolóxicos, a deixación de funcións por parte das Administracións competentes, a vulneración do dereito ao patrimonio, a situación de risco para a integridade de elementos do patrimonio cultural e o incumprimento da normativa internacional, estatal e autonómica sobre patrimonio cultural.

Pedra Mirtada, en Barro / A Forneiriña

Pode que che interese...