fbpx
Unha arpa / foto fsHHCC0

Recuperan dúas arpas do século XV inspiradas no portico de San Martiño de Noia

Tempo de lectura: 2 min.

.
Dúas arpas do século XV reconstruídas a imaxe e semellanza das representadas nas arquivoltas do pórtico occidental da Igrexa de San Martiño de Noia. Esa será a nova xoia musical e patrimonial do Concello que será presentada esta noite ás  21 horas no Teatro Coliseo Noela. As novas xoias musicais foron reconstruídas polo luthier Luís Martin, e contan co asesoramento do arpista, compositor e fundador do grupo Milladoiro, Rodrígo Romaní, que é, ademais, dende a súa creación director do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia. As esculturas nas que están inspiradas son unha arquivolta de estilo románico moi tardío do ano 1434, que se inspira en outras portadas coma o Pórtico da Gloria. A recuperación estivo financiada polo Concello de Noia a iniciativa da Concellería de Cultura da vila.

Para a presentación destas dúas xoias agárdase un pequeno concerto no que se tocarán por primeira vez en público os dous instrumentos. Nela estarán ademais do luthier e representantes do Concello de Noia, unha representación de músicos que forman parte do chamado Noia Harp Consort e que actuarán tras a presentación. Forma parte del Alba Barreiro e o propio Rodrigo Romaní, que serán os encargados de arrincarlle á voz ás arpas do pórtico, Laura Barreiro que interpretará a arpa céltica, Esperanza Mara, fídula, viola e voz, e Xulia Feixoo quen se ocupará da percusión. No máxico momento de escoitar os dous novos instrumentos soará unha suite de temas de Martin Códax e das Cantigas de Santa María. A entrada será de balde.

Rodrigo Romaní cunha das arpas / foto Concello de Noia

A excepcional iniciativa enmárcase nun traballo que está a desenvolver o Concello de Noia, coa colaboración de Rodrigo Romaní, para recuperar e promocionar internacionalmente o mundo da arpa. Será no marco da quinta edición do Noia Harp ou Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que que encherá un ano máis de música a vila do vindeiro martes 31 de xullo e durará ata o día 3. Este ano o protagonismo será para estes dous instrumentos, e as dúas presentacións que se farán deles, unha no día de hoxe, a outra o propio día 31 nun concerto especial de Carlos Núñez no que se interpretarán algúns temas coas arpas reconstruídas, neste caso nas mans se Arianna Savall e Rodrigo Romaní.

Segundo Romaní, director artístico do evento é este “o único festival de arpa do noroeste ibérico”, e un dos de maior relevancia por ser “un festival que trae artistas internacionais de todos os estilos para atraer un público máis amplo, desde a música contemporánea ao jazz pasando polo folk e a música tradicional”. E é que a edición deste ano contará con destacadas figuras galegas e internacionais, xa que ademais de Carlos Núñez, será de destacar por selo único en España o da arpista búlgara Rossitza Milevska ou a presenza do venezolano Carlos “Metralleta” Orozco.Porén non se esquece a promoción da música local: “este ano traeremos a Esperanza Mara, unha noiesa que destaca no mundo da música antiga”. Haberá, ademais, coma noutras edicións actividades como obradoiros, clases maxistrais e espectáculos infantís impartidos polo propio Romaní.

Pode que che interese...