fbpx
Programa do Ribadeo Indiano / foto Concello de Ribadeo

Ribadeo volve a tempos indianos

Tempo de lectura: < 1 min.

Comeza o verán e Galicia se enche de festas romanas, castrexas e medievais. A historia enche cada un dos recunchos do noso territorio, mais son poucas as vilas que se atreven a rememorar un pasado non tan remoto e non tan lonxano, que se atreven a recuperar un tempo no que a emigración xogou un papel capital. Ribadeo é unha destas vilas, unha localidade na que o retorno dos emigrantes a comezos do século XX tivo un papel fundamental que se ve aínda na súa cultura e na súa arquitectura. É por isto que, un ano máis, celebrará ó longo desta fin de semana unha nova edición da súa festa indiana.

.
“Aproveitando un rico escenario arquitectónico, e coa intención de rememorar vellos tempos, pretendemos facer do Ribadeo do século XXI, un escenario onde localizar un ambiente propio de principios do século XX, recreando unha sociedade claramente influenciada polas tradicións e modas traídas polos indianos“. E é que, como afirman dende a organización, “a emigración a América converteuse nun fenómeno que axuda a explicar a historia e o desenvolvemento de Ribadeo así como o de moitas vilas de Galicia e Asturias. (…) É moi difícil encontrar entre nós alguén que non teña un avó ou antepasado que non emigrase para mellorar a súa vida e a dos seus”.

Este ano desenvolveuse un intenso programa dende o 27 de xuño ata este domingo, 8 de xullo. Contou cunha grande variedade de actividades como pasarrúas, mercado ultramarino, mercado da horta, un festival de habaneras, unha exhibición de coches clásicos, verbenas, concertos, representacións teatrais e degustacións de comida indiana. Segundo a organización a última edición Ribadeo recibiu máis de 40.000 visitantes, e suporía un beneficio para comerciantes e veciños duns 3 millóns de euros, cifras que este ano pretende superar.

Pode que che interese...