Frescos de San Vicenzo dos Vilares / foto ASC Lareira dos soños

Unha asociación inicia sen axuda unha heroica batalla por salvar os frescos do século XVI dos Vilares

Un dos programas pictóricos murais máis importantes de Galicia se atopan na Terra Cha, no concello de Guitiriz, na igrexa de San Vicenzo dos Vilares. Nela, un edificio de orixe románica, do século XII, con importantes transformacións no século XVIII conserva un importante conxunto de frescos do século XVI. Os frescos, descubertos no ano 1991 e estudados tan so un ano máis tarde polo profesor da USC Juan Manuel Monterroso Montero, forman un ciclo completo ó longo dos muros da nave e poderían ter como autoría ó Mestre de Parga. É por estes dous motivos, polos que os xa famosos frescos son unha das mostras pictóricas deste tempo máis importantes de Galicia.

Pois, como xa contamos en varias ocasións neste xornal, os frescos dos Vilares, dende a súa descuberta e estudo non tiveron aínda intervención algunha para protexelos e evitar a súa desaparición. Se xa daquela o estado de conservación era deficiente o certo é que ano tras ano se atopan nun estado peor, debido á enorme humidade que fai que raramente en Galicia podamos conservar mostras como esta. Así o morteiro sobre o que se atopan corre serio risco de desprendemento e é máis que posible que irremediablemente comecen a desaparecer.

Estado das pinturas murais de San Vizenzo dos Vilares en distintos anos

Unha batalla en solitario

É por este motivo polo que a Asociación Sociocultural Lareira púxose en pé de guerra para salvar este patrimonio único, pois, como afirman dende a asociación “estamos diante dun serio perigo de desaparición definitiva dos frescos”. De feito vai máis de tres anos que a asociación púxose en contacto coa titular de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto que prometeu acometer a restauración en dous anos. Mais despois de pasado ese tempo, de ter conseguido o proxecto, así como os permisos do bispado e de Patrimonio, e despois de pedir novos estudos do estado de conservación, a asociación atopou tan so o silencio das administracións.

É por isto que agora a asociación pretende levar as súas reivindicacións máis alá, sabendo de non contar con apoio administrativo. Así, pretenden afoutadamente desenvolver unha serie de medidas para facelo por eles mesmos. Entre estas están a da creación dun crowfunding ou recadación comunal para abordar polo menos a consolidación das pinturas e evitar a desaparición; unha campaña de sensibilización entre fregueses e veciños baseada nos textos do estudo de Juan Monterroso; unha campaña de difusión audiovisual a través das redes, para o que filmarán un documental; a creación de xornadas con profesionais da arte e da arquitectura para sensibilizar e entender o problema, así como a promoción deste importante legado en organizacións e foros de cultura e de patrimonio.

A asociación quere así tomar pola súa man a iniciativa de conservar esta “xoia da iconografía relixiosa da Terra Chá” e non perder os frescos. Trátase de evitar o “desastre patrimonial que ten sobrevivido cinco séculos e vai camiño de ser destruído en só 25 anos“. Así tratarán con todas as axudas posibles de desenvolver unha heroica batalla pola conservación dos frescos, cos permisos pertinentes, os profesionais adecuados, coa colaboración do párroco e do bispado, así como de “todos aqueles chairegos -e non chairegos- sensibles co noso patrimonio”.

Frescos de San Vizenzo dos Vilares

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: