fbpx
Visita o Petroglifo da Pedra da Nave / Foto Concello de Ames

Visitas nocturnas a petroglifos un novo atractivo para o noso pasado

Tempo de lectura: 2 min.

De todos é sabido que Galicia conta cunha cantidade inxente de estacións rupestres e que cada vez se están a descubrir máis, sobre todo en zonas que tradicionalmente non se consideraban habituais para estas manifestacións por non estudadas, como o entorno da cidade de Santiago de Compostela. Se cadra por isto, e se cadra pola progresiva valorización do noso patrimonio, en Galicia hai cada vez máis un interese crecente polos nosos petroglifos e, con eles, un interese crecente polas visitas nocturnas.

Mais non é so por romanticismo nin polo atractivo de percorrer os nosos montes no estío en horario nocturno, que tamén, senón por motivos puramente prácticos. Pois o desgaste das estacións líticas fai que en moitas ocasións non sexa doado aprecialos nas horas en que a luz é clara e uniforme. Estas manifestacións da arte da nosa prehistoria precisan dunha luz contrastada que reforce os sucos na pedra e mostre todos os seus matices. Por isto os meses de verán e os horarios de primeira hora da mañá ou de última hora da tarde, cando o sol está baixo e pode esvarar polas pedras, son momentos perfectos. Tamén o son os horarios de noite, cando a iluminación artificial pode dirixirse dun xeito adecuado cara eles e mostralos en todos os seus matices.

Visitas nocturnas en Ames e Cuntis

É por isto que nas últimas semanas varios colectivos están a desenvolver visitas nocturnas a estacións líticas. Un deles foi o Colectivo a Rula, que, como xa contamos en varias ocasións no noso xornal, está a desenvolver este tipo de actividades dende fai tempo. Nesta ocasión contaron coa colaboración do Concello de Ames e guiaron a unhas 60 persoas ata o petroglifo da Pedra da Nave de Mourigade en San Pedro de Bugallido. Foi o pasado sábado día 7 de xullo e na visita participou xente de todas as idades, dende cativos ata maiores.

O petroglifo trátase dunha das estacións máis interesantes do concello de Ames en concreto, e do entorno de Santiago en xeral, xa que posúe unha peculiar localización e unha tipoloxía de gravados xeométricos adaptados á morfoloxía da laxe. A visita foi aproveitada para amosarlle aos visitantes unha nova estación localizado polo Colectivo na zona e aínda sen catalogar, e para explicar os diferentes paneis insculturados. Ademais o Concello de Ames e o Colectivo A Rula teñen previsto desenvolver outra visita nocturna á área arqueolóxica de Monte Castelo, situada no lugar de Ventosa, no mes de setembro.

Mais non é nin moito menos a única. Pois, a finais do mes de xuño, outro concello, o de Cuntis, a través da Concellería de Cultura, Turismo, Normalización Lingüística, Patrimonio e Xuventude, anunciaba tamén visitas guiadas nocturnas a petroglifos e a outros elementos arqueolóxicos da zona. As datas e horas poden consultarse na páxina web do Concello. A iniciativa forma parte dun plan de limpeza, rexistro dixital e conservación de cinco petroglifos promovido pola institución e subvencionadas pola Deputación de Pontevedra. As visitas estarán dirixidas pola cooperativa Árbore Arqueoloxía e se visitarán as estacións do Outeiro de Cartas, do Outeiro de Cardecide, do Outeiro da Ran, de Vales e do Forno de Tella.

Pode que che interese...