Carga dos grises en Madrid / foto youtube.com

Xullo do 68, o Día de Galicia que acabou baixo as cargas dos “grises”

Como comentábamos onte, foi no ano 1919 na II Asamblea Nazionalista organizada en Santiago de Compostela polas Irmandades da Fala, cando se decide institucionalizar o Día de Galicia o 25 de xullo. Dende aquela e ata 1936 celebrouse ese 25 de xullo o Día da Patria. Mais, como non podía ser doutro xeito, durante o Franquismo a festividade, celebrada daquela coma o día do Patrón de España, non tivo o carácter nacionalista ou sinxelamente galeguista que tivera antes. Todo tipo de manifestación nese sentido estivivo sinxelamente prohibido.

Mais foi un 25 de xullo de 1968 e inspirados nas revoltas que naquel ano percorrían o mundo e tamén a nosa universidade cando se volveu a facer de novo unha manifestación reivindicativa neste día. Foi naquel 25 de xullo de 1968 cando se volveu celebrar de novo o Día de Galicia como tal, e como o imaxinaran os membros das Irmandades. Foi cunha relativamente concorrida manifestación da Alameda de Santiago de Compostela, organizada polo Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG).

Foi unha manifestación clandestina, case espontánea, para conmemorar o chamado Día Nacional de Galicia e pedir democracia. A manifestación saldouse con cargas dos grises e con fortes enfrontamentos entre manifestantes e a policía franquista. Dende aquela e ata xa ben entrada a democracia as manifestacións de carácter político no Día de Galicia eran sistematicamente prohibidas. Porén naquel ano 1968, e baixo o lema nacionalista “Viva Galiza ceibe e socialista”, recuperouse de novo o carácter de reivindicación, como día galego, da festa. Hoxe, ideas políticas aparte, a manifestación que convocan todos os anos os partidos de raíz nacionalista e galeguista na Alameda compostelana é de feito o acto máis multitudinario de todas as celebracións que teñen lugar o 25 de xullo na cidade.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: