fbpx
Graffiti pintado nun muro de Sallent (Barcelona) que representa a loita dos guerrilleiros antifranquistas e do maqui / CC/Yeza

A batalla de Cambedo, cando Franco e Salazar xuntaron forzas para aniquilar a un grupo de guerrilleiros

Tempo de lectura: 3 min.

En decembro de 1946, o exército portugués e a Guarda Nacional Republicana portuguesa atacou a aldea de Cambedo, Chaves coa intención de aniquilar un grupo de guerrilleiros anti-franquistas que alí se refuxaran tras a guerra civil española. Do lado español da fronteira estaba a Guardia Civil, con quen o cerco fora concertado. Rodeados por forzas portuguesas e españolas, os guerrilleiros pouco puideron facer. Dese ataque resultaron varios mortos e feridos, e a destrución da casa de dona Albertina. Precisamente, dona Albertina e as ruínas da súa casa son o pretexto deste proxecto.

A Batalla do Cambedo rematou coa morte de dous guerrilleiros – Juan Salgado Rivera e Bernardino Garcia, que preferiu suicidarse a renderse; a morte de dous guarda-republicanos, José Joaquim e José Teixeira Nunes; algúns feridos, incluíndo unha meniña; e foron prendidos 8 galegos e 55 portugueses, 18 deles de Cambedo.

A actualidade dos acontecementos de Cambedo é un exemplo do acontecido naquela dura época. Porque unha comunidade modesta e illada decide arriscar tanto para cumprir unha ética de solidariedade e hospitalidade para con estranxeiros? A isto tenta dar resposta o proxecto de arqueoloxía contemporánea ‘Cambedo 1946’, dedicado ao estudo da resistencia ás ditaduras ibéricas (1926-1975) e da solidariedade na fronteira entre Tras-os-Montes e a Galiza.

Lugar da batalla de Cambedo / cambedo-maquis

“A arqueoloxía ten o poder de desvelar capas de memoria e sentimento que foron ocultadas por motivos varios. No caso de Cambedo, a solidariedade e hospitalidade tradicional das comunidades rurais da raia Galego-Portuguesa foi sepultada polos sedimentos da represión policial e do control fronteirizo”, apuntan os impulsores deste proxecto.

Moitos dos habitantes de Cambedo foron enviados á cadea, os ciclos agrícolas foron interrompidos e o estigma social perdurou até moito despois do fin da ditadura. Foi Paula Godinho, antropóloga da Universidade Nova de Lisboa, quen tivo a iniciativa de comezar a desvelar os acontecementos de Cambedo no espazo público a partir da década de 1980.

Un dos guerrilleiros da batalha de Cambedo, Demetrio Grácia, “O Pedro” / Foto de Demetrio ou ´Pedro´ em 1946 / Cambedo-maquis

O proxecto

O proxecto arqueolóxico encara a casa da Dona Albertina como unha cápsula do tempo, unha auténtica xanela para o modo de vida dos habitantes de Cambedo en 1946. Os arqueólogos pretenden usar o mundo material da aldea como pretexto para discutir o deber da hospitalidade na sociedade contemporánea e na actual crise humanitaria global.

O proxecto ‘Cambedo 1946’ é dirixido por Rui Gomes Coello (Postdoctoral Associate en Rutgers University, Estados Unidos) e Xurxo Ayán Vila, arqueólogo galego que dirixe o proxecto de arqueoloxía comunitaria do Castro de San Lourenzo en Monforte de Lemos. Ambos os dous teñen longa experiencia en proxectos de arqueoloxía contemporánea en España, Estados Unidos, Alemaña, Brasil, Chile, Etiopía e Guinea Ecuatorial. O equipo de arqueólogos conta tamén coa arqueóloga brasileira Márcia Hattoori, que ten traballado sobre a ditadura militar no Brasil, e o arqueólogo galego Carlos Otero.

Trátase do primeiro proxecto no campo da arqueoloxía contemporánea en Portugal, e contará con tecnoloxía de punta para a deteción de vestixios arqueolóxicos. Ten o apoio de Rutgers University (Estados Unidos), do Instituto de Ciencias del Patrimonio/Consejo Superior de Investigaciones Cientificas (España), da Asociación de Veciños Maria Castaña de Cereixa (Galicia) e do Centro Social, Cultural e Deportivo de Vilarelho da Raia (Portugal).

Casa de dona Albertina, en Cambedo, arrasada na batalla que alí tivo lugar en 1946 entre guerrilleiros, forzas portuguesas e a Guarda Civil / desenvolturasedesacatos.blogspot.com

Pode que che interese...