Imaxe aérea da illa de Areoso Guidoiro, na Arousa / twitter J. Calleja

A turistización pon en perigo as tumbas milenarias do illote do Areoso

A Illa do Guidoiro Areoso é un illote situado no interior da Ría de Arousa a 1,4 quilómetros ao oeste da Illa de Arousa que apenas ten 600 m de longo de norte a sur por 200 m no seu punto máis largo e só acada 9 m sobre o nivel do mar no seu punto máis alto.

Un pequeno espazo que está inzado de restos arqueolóxicos. Os estudos indican que hai restos desde o 5000 a. C. e durante todo o neolítico, coa presenza de tumbas megalíticas. Daquela, o nivel do mar estaría estabilizado entre 5 e 7 m baixo o nivel actual. Con esta situación, a actual illa de Arousa formaría nesta época parte dunha gran península unida ao continente, península da que tamén formarían parte o propio Guidoiro Areoso e outros illotes máis pequenos como o Corveiro ou Guidoiro Pedregoso.

Actualmente, coñécense un total de cinco estruturas megalíticas, e abundante material arqueolóxico do neolítico final e de comezos da Idade do Bronce espallase pola zona intermareal. Máis, a pesar da acción do mar, o turismo indiscriminado e o espolio dos bens está poñendo en serio perigo os restos arqueolóxicos do illote.

Letreiro na costa no que se alerta sobre a fraxilidade do Areoso / Guidoiro Dixital

Novas denuncias

Hai uns días, o FB de Guidoiro Dixital xa alertaba desta situación e avisaba a aqueles que queiran visitar o illote que sexan respectuosos e que cumpran as normas de visita. “Se está o equipo de arqueoloxía, preguntádelles, estarán encantados de explicarvos o desenvolvemento da intervención e os principais achados que se fixeron. Se non están, non pisedes dentro da área de escavación nin vos aproximedes moito aos perfís (a area é moi inestable e pode derrubarse)”, indicaba.

Con todo, esta fin de semana xa había veciños que alertaban da “turistización” do Areoso. E dos perigos que conleva. Jorge Álvarez publicaba imaxes sobre a situación da mámoa escavada e asegura que o “nivel de destrozo é incríble”. De feito, apuntaba xa unha posible solución; un sinal explicando de que se trata e explicando a necesidade de non pasarlle por enriba, así coma un valado perimetral.

Impacto dos turistas nunha das mámoas escavadas de Areoso / Jorge Álvarez

Non é a primeira denuncia que se fai deste tipo. De feito, cada ano existe o mesmo problema polo gran número de visitantes que se achegan ao illote. O colectivo “Pandulleiros” xa ten denunciado que o illote está, case, partido en dous, e instou á Xunta a actuar canto antes e limitar o número de visitantes diarios a un paraíso natural que corre o risco de desaparecer se non se toman medidas.

Segundo este colectivo, o efecto das mareas e a masificación á que é sometido Areoso durante o verán, provocaron que continúe a perda de áridos. Unha situción que provocou a caída de varios tramos do valo de protección da duna e que algúns turistas aproveiten para acceder ao interior da mesma.

Por iso, este colectivo pide que se limite o acceso no verán tal e como se fixo na praia das Catedrais de Ribadeo, onde se puxo un máximo de visitantes por día para preservar a contorna e frear a súa degradación.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

1 Resposta

  1. 27 Agosto 2018

    […] a primeira vez que en Historia de Galicia falamos das agresións ao patrimonio deste illote — a última a principios de mes— considerado como a illa dos mortos debido a gran cantidade de túmulos funerarios milenarios […]

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: