fbpx
Fonte, lavadoiro e a levada con canle de Canasteves, no termo municipal de Ponteceso / LVG

A Xunta protexerá unha fonte e lavadoiro centenario de Ponteceso para evitar que desapareza por un conflito entre veciños

Tempo de lectura: 2 min.

A Dirección Xeral de Patrimonio acaba de iniciar o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do conxunto formado pola fonte, a mina, o lavadoiro e a levada con canle de Canasteves, no termo municipal de Ponteceso (A Coruña). Unha protección que chega logo de anos de litixios entre os veciños que ameazaban coa destrución deste ben.

Non é posible acreditar a data exacta da construción deste conxunto de valor etnolóxico, pero as referencias orais lembran a súa existencia e mantemento comunal desde hai máis de 105 anos. O sistema construtivo e os materiais empregados son do país, sinxelos, baseados na tradición local e na economía de medios.

Os elementos que serán protexidos son a fonte dun só cano e a mina formada por un muro de cachotaría de 1,30 metros de altura e un só cano labrado en granito, cun pousadoiro para as sellas ou caldeiros. A fonte que verte no lavadoiro ou «río de lavar» está alimentada pola auga que sae da mina. A veciñanza segue a usala porque nunca seca e téñena en alta estima debido á calidade da auga para beber.

“Mina máis alta que un home”

A orixe do manancial está situada baixo terra, a pouco máis dun metro e medio da fonte, á beira do camiño. A auga chega á fonte mediante unha canle labrada en pezas de granito. A profundidade desta mina, segundo a veciñanza, é «máis alta que un home» e «cun depósito con máis dun metro de auga de altura».

Tamén se protexerá o lavadoiro, construído con sete lousas chantadas e inclinadas unha a carón doutra que forman unha poza oval de aproximadamente 2,30 metros de diámetro polo seu lado maior. As fendas existentes entre as lousas tapábanse con rachas de pedra e terróns. Antigamente tendíase a roupa nos prados lindeiros e no ribazo.

Finalmente tamén se lle dará protección á canle e levada, que é unhacondución de augas (de sección en U) construída con lousa de cachotaría que se estende dezaseis metros desde a saída da auga do lavadoiro. No seu leito existe unha canle labrada en pezas de granito que leva a auga e que discorre por debaixo da estrada provincial AC-414 entre lindes de predios cara ao val e o Rego de Ponteceso. En paralelo existe un camiño veciñal, apenas un carreiro, que conduce á fonte e ao lavadoiro e, tras pasalos, salva un ribazo mediante dous «esqueiros» e leva ao núcleo do Rueiro.

Longo conflito

Cultura decidiu protexer o ben logo dun enfrontamento entre veciños que a piques estivo de desfacer este conxunto centenario. Os problemas comezaron cando un deles fíxose cos terreos veciños á fonte e lavadoiro e quixo pechar á entrada ao mesmo. Isto derivou nun con conflito con outros doce veciños que reclamaban o uso público deste ben. Finalmente, a xustiza deulles a razón pero, nos últimos tempos, algúns deles denuncian que o veciño que perdeu o pleito fixo obras ilegais que danaron seriamente o conxunto.

Pode que che interese...