fbpx
Vista aérea do campamento romano de Penedo dos Lobos, en Manzaneda / Romanarmy.eu

Achan evidencias nun campamento romano de Manzaneda de que os galaicos poderían ter participado nas guerras cántabras

Tempo de lectura: 3 min.

A intervención no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense), do que xa se deu conta en Historia de Galicia, permitiu descubrir a presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e que podería vincularse cronoloxicamente á época das Guerras Cántabro-Astures.

No transcurso dunha campaña arqueolóxica levada a cabo polo colectivo romanarmy.eu e dirixida polo investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC João Fonte foi localizado material militar romano, entre o que se atopan as características chatolas das sandalias romanas (caligae) e moedas acuñadas por Publio Carisio (quen fora legado do primeiro emperador Octavio Augusto durante as Guerras Cántabro-Astures) entre o 25 e o 22 a.C. para pagar aos lexionarios que participaban nas campañas bélicas.

Estes achados, segundo apuntan nun comunicado, sitúan a construción do campamento romano de Penedo dos Lobos nun horizonte cronolóxico anterior ao cambio de era e posiblemente coetáneo ás Guerras Cántabro-Astures, coas que o Imperio romano rematou a conquista de Hispania. Trátase da presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e é un achado de gran relevancia histórica para coñecer os inicios da romanización neste territorio.

Ata o momento, numerosos especialistas consideraban que a zona de Galicia estivera á marxe do conflito. Aínda que non é posible polo momento determinar cal era a misión do continxente militar de Penedo dos Lobos, os achados redefinen o coñecido sobre esta época e axudan a contextualizar unha presenza militar romana neste territorio que, á luz do descuberto polo colectivo romanarmy.eu e outros equipos de investigación nos últimos anos, é máis ampla e diversa do coñecido ata o momento.

A campaña arqueolóxica rematou o pasado sábado e está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e máis o Grupo de Investigación Síncrisis do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Campamento romano de Penedo dos Lobos, en Manzaneda, unha vez rozado / romanarmy.eu

Sitio excepcional

O campamento romano de Penedo dos Lobos atópase moi preto da Estación de esquí de Cabeza de Manzaneda e foi tradicionalmente unha zona de pastoreo con vexetación que dificultaba a súa identificación. O seu tamaño -2,34 has- defíneo como un campamento de reducidas dimensións con capacidade de acoller ata mil soldados. Os arqueólogos salientaron o “excelente” estado de conservación das estruturas defensivas do campamento. Deste xeito, Penedo dos Lobos aínda conserva as características catro portas que definen os recintos militares romanos, e case a totalidade do perímetro da muralla defensiva que ademais, de xeito moi pouco habitual, está construída en pedra.

Penedo dos Lobos foi ocupado durante un período curto de tempo, aínda que á luz da análise das evidencias, os especialistas consideran que podería non corresponderse tanto a un campamento de marcha –construído para descansar durante unha ou dúas xornadas- como a un campamento estacional, que servise durante un período máis prolongado de tempo (semanas ou incluso un mes) a un continxente militar romano cunha misión específica que aínda se descoñece.

O campamento fora descuberto por un veciño da comarca, Rubén F. Lorenzo Pérez, quen comunicou ao colectivo romanarmy.eu a existencia dun recinto de alta montaña de peculiares características.

Anverso dunha moneda da época de Augusto atopada no campamento romano de Penedo dos Lobos / romanarmy.eu

Un patrimonio en ameaza

O colectivo romanarmy.eu comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e Galicia en febreiro de 2017 a existencia do campamento romano. Sen embargo, durante a intervención arqueolóxica tívose coñecemento de que o terreo se atopa afectado nestes momentos por un plan de repoboamento forestal que danará de maneira irreversible este sitio arqueolóxico de grande relevancia para a historia de Galicia.

O colectivo de investigación romanarmy.eu reúne a un conxunto de arqueólogos profesionais, investigadores e profesores universitarios das universidades de Santiago de Compostela, Oviedo, Minho (Portugal), Durham, Exeter, Edinburgo (Reino Unido) ou Leiden (Holanda), que estudan a presenza do exército romano no noroeste da península ibérica, poñendo énfase nos episodios de conquista e invasión que remataron co dominio romano efectivo de toda Hispania nos tempos do emperador Octavio Augusto.

Nos últimos anos, o colectivo está a localizar numerosos campamentos romanos, ata agora inéditos, no territorio da antiga Gallaecia, ofrecendo unha nova visión sobre a presenza das lexións romanas neste territorio. Durante moito tempo considerouse que as zonas da actual Galicia e norte de Portugal ficaron alleas ás campañas militares da conquista romana, que se terían desenvolvido case exclusivamente en Asturias, León e Cantabria.

Pode que che interese...