fbpx
Ilustración dunha lexión romana / Enric Marini

As grandes incógnitas arqueolóxicas de Lucus Augusti

Tempo de lectura: 2 min.

Enrique González é o arqueólogo municipal de Lugo. Comezou a súa actividade na cidade como parte do equipo de Rodríguez Colmenero en 1986, e foi testemuña e partícipe das excavacións realizadas nos últimos trinta anos.

Uns anos nos que a investigación sobre os achados romanos foi en aumento. Nunha entrevista en Lugo Xornal, González destaca os grandes avances que experimentou a arqueoloxía en Lugo nos últimos 30 anos. “Daquela eramos novatos, custábanos interpretar malia que tiñamos certo coñecemento. Co gran aporte de datos que hai da cidade, xa podemos presupoñer o que imos atopar. Sabemos da continuidade dunha rúa, ou como sucedeu na intervención da domus de Doutor Castro, sabiamos que había un mosaico. A experiencia de trinta anos permite afrontar as excavacións con outro criterio”, asegura.

Enrique González, arqueólogo municipal de Lugo /Óscar Bernárdez – LX

Tamén recoñece que, a pesar do que se coñece, aínda hai moito por descubrir. “O Lugo romano non é só cidade, supoñemos que na contorna tiña que haber asentamentos, algunhas vilas que xa coñecemos coma Santa Eulalia, outros vestixios amosados nas salas do Vello Cárcere, ou o castro da Piringalla, que sabemos que tivo continuidade durante a época romana”.

Por iso, destaca que a cidade aínda garda “grandes incógnitas”, como se tiña teatro ou anfiteatro. “Non temos ata o de agora indicios da súa existencia, só hipóteses”.

Nese sentido, Enrique González reclama un centro de referencia cultural para abordar todo o estudo do Lugo romano. “Tanto dá que se chame Museo da Romanización de Galicia ou Museo do Lugo Romano. Só co material do Lugo romano pódese facer un museo da romanización, porque é a referencia de Roma en Galicia, sen denostar outros xacementos arqueolóxicos importantes da comunidade; pero era a capital, e polo tanto os restos están á súa altura”, destaca. Toda a entrevista no LX.

Pode que che interese...