fbpx
Escudo de armas de Fernández Velarde, da Terra de Miranda / LX

Cando unha división artificial rachou os territorios históricos do antigo Reino de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

A Galicia de hoxe non é como a Galicia de hai cen anos. Cambiaron moitas cousas pero, sobre todo, a súa morfoloxía administrativa. Hai máis cen anos Galicia era un conxunto de territorios que definían unha área xeográfica e as súas xentes. E a Terra de Miranda ou a Terra de Burón, en Lugo, son bos exemplos desa idiosincrasia galega cuasi desaparecida.

Precisamente, Xulio Pardo de Neyra, profesor de Ciencias da Educación na Universidade da Coruña –doutor en Historia Contemporánea, en Filoloxía Galega, e en Didáctica da Lingua, prepara un estudo sobre territorio e lingua nos que pretende recuperar a memoria dun deses territorios; as Terras de Miranda.

“Tentei neste caso achegarme á Terra de Miranda que existiu no imaxinario colectivo e que hoxe xa non existe. Hoxe está totalmente pervertido polos concellos: falamos de Baralla cando antes se falaba de Neira de Xuxá, e a xente nova di que é da Pontenova, ou de Riotorto, cando iso era a Terra de Miranda”, apunta nunha entrevista no Lugo Xornal.

Ese territorio real tamén é un territorio mítico e literario que recolleron escritores como Cunqueiro ou Ánxel Fole. “Na zona os concellos son organizados en pequenos espazos para sobrevivir de forma máis doada, para derivar os cartos, para dotar a cada concello do que lle corresponde, cando antes varios deses municipios pertencían a un máis grande que os agrupaba. É o caso tamén da Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín, que eran a Terra de Burón; aconteceu con Rábade, un dos concellos máis pequenos do estado español, ou Burela, outro concello parroquial”, sinala.

Extracto do documental ‘Miranda, mítica e real’ | Fundación TIC

Unha curta historia

Algúns concellos non levan nin 30 anos de historia como tal e esa división artificial mesmo rachou lazos seculares con xentes que se sinten galegas pero que viven, actualmente, en territorios doutras autonomías, como aconteceu entre as xentes de Riotorto, en lugo, ou as da Pontenova, en Asturias.

“Toda a vida existiu a Terra de Cervantes. Hai Ancares lucenses e bercianos nas actuais provincias de León e de Lugo, cando en realidade son todo o mesmo. A identidade, por moi pouco que se rasque, é a mesma. Se creamos terras alternativas con nomes diferentes, desfacemos a identidade colectiva, a realidade xeográfica e cultural”, indica Xulio Pardo de Neyra. Podes ler toda a súa entrevista aquí.

Pode que che interese...